Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A XESTIÓN DO LIXO EN GALIZA (II)

Sogama embolsa plusvalías millonarias por amorear lixo que non trata

A sociedade mixta integrada pola Xunta e Unión Fenosa conseguiu facerse viábel grazas a unha práctica da que non gosta falar: o enterramento de centos de milleiros de toneladas de residuos nun macrovertedoiro.

R.Vilar - 10:45 10/10/2007
O Complexo Medioambiental de Cerceda trata pouco máis da metade do lixo que chega até Cerceda

O Complexo Medioambiental de Cerceda trata pouco máis da metade do lixo que chega até Cerceda

“Sogama é unha empresa consolidada financieiramente, ten o seu futuro asegurado” explicaba Xosé Manuel Barreiro nunha entrevista concedida a La Voz de Galicia en maio de 2004. O daquela conselleiro de Medio Ambiente defendía que as instalacións de tratamento do lixo de Cerceda eran “punteiras”. Pouco máis de tres anos despois, é imposíbel negar a falta de previsión, o desbalde de fondos públicos e o caos no que está sumido un modelo que se chamaba sustentábel.

Certo era que as contas da sociedade mixta comezaban a ir vento en popa. Mais a explicación pouco tiña que ver cunha boa xestión. No mesmo ano no que facía as declaracións o ex conselleiro, Sogama fixérase cargo de 763.280 toneladas de residuos procedentes de todo o país, mais só tratou 506.247 no denominado Complexo Medioambiental, as máis de 257 mil restantes foron parar directamente ao “depósito temporal” que Sogama ten na Areosa, tamén en Cerceda.

Naquel momento Sogama cobráballe a cada concello galego un canon de 44 euros por tonelada. Os municipios estaban a pagar menos do que custaba o tratamento real do lixo (máis de 50 euros) pero ese era o “prezo político” pactado anos antes para lograr o maior número de adhesións de municipios. O negocio estaba noutra parte, no excedente de lixo. Cada tonelada que entra na Areosa ten un custe estimado de 22 euros (gastos de transporte incluídos), a metade do que se lle cobra realmente aos concellos. Velaí un verdadeiro negocio que non corresponde para nada cos fins cos que nacera Sogama.

A Xunta e Unión Fenosa atoparan un curioso método de cadrar as contas e sacar a flote a compañía: estaban en mover milleiros de toneladas por todo o país para envorcalas logo no macrovertedoiro cercedense e cobralas como se as estiveran a tratar. A cadratura do círculo conseguíase dun xeito ben sinxelo. O último informe do Consello de Contas no que se analiza a xestión de Sogama en 2004 estima que co depósito deste lixo sen tratar a sociedade conseguiu un beneficio neto de case 5,7 millóns de euros só nese ano. Mais o volume de residuos depositados na Areosa seguiu a súa imparábel progresión. En 2005 chegou até as 323 mil toneladas e calcúlase que o ano pasado entraron preto 400 mil toneladas no vertedoiro, disparando os ingresos netos por este concepto até os 8,8 millóns de euros.

Unha situación crítica

Ao ex presidente da Xunta, Manuel Fraga, tamén lle gustaba presumir do modelo. Grazas a el acabáranse os centos de vertedoiros incontrolados que se espallaban por toda Galiza. Mais dende San Caetano non se pregoaba que boa parte do lixo xerado no país ía a un macrovertedoiro que adquiría magnitudes monstruosas. Calcúlase que na Areosa xa hai depositados preto de 2,5 millóns de toneladas de residuos.

Pero o problema persiste a día de hoxe e o vertedoiro segue medrando a un ritmo frenético. O novo presidente de Sogama, Xosé Álvarez Díaz, recoñecía o pasado sábado nunha entrevista en La Voz de Galicia que están completamente desbordados: reciben 900.000 toneladas de lixo ao ano e tan só son quen de tratar, no mellor dos casos 500 mil. As restantes van directamente ao “depósito temporal”. Un día despois, en El País, o conselleiro de Medio Ambiente coincidía na situación crítica que se vive en Cerceda e aseguraba que o novo Plan de Residuos vai apostar pola descentralización.


5/5 (17 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O lixo chega até Sogama en camións de gran tonelaxe e trens
O lixo chega até Sogama en camións de gran tonelaxe e trens
A finais de 2002,cando se tirou esta imaxe, o vertedoiro da Areosa xa acadara unha dimesión preocupante / Foto: Tempos Novos
A finais de 2002,cando se tirou esta imaxe, o vertedoiro da Areosa xa acadara unha dimesión preocupante / Foto: Tempos Novos