Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
ESTÁ NA ONDA O BIPARTITO?

As áreas metroaldeanas

A proba do cambio, segundo Xosé Luís Barreiro Rivas, radica fundamentalmente nas políticas sociais e de innovación, mais tamén aí a competencia entre os dous socios de goberno xoga en contra.

TEMPOS Novos - 18:07 24/09/2007

As prestacións de benestar social teñen unha influenza determinante no concepto actual da política, xa que constitúen a panca máis visible dende a que os grandes colectivos sociais inflúen na composición da axenda do poder e na valoración dos ciclos de xestión. E de aí derívase a crecente necesidade de contrastar o cambio político -de acción ou discurso- mediante a análise das políticas sociais. Nesta convicción avanzo a miña impresión de que o goberno bipartito de Galicia, que acaba de cruzar o ecuador da súa primeira lexislatura, acumula os seus mellores capitais no eido das políticas sociais, aínda que esta concreta perspectiva fique esvaecida na amplísima e exitosa ofensiva política -ou mellor diríamos "electoral"- levada a cabo polo goberno Rodríguez Zapatero en tódalas frontes.

Mentres que Fraga poñía tódalas súas esperanzas na obra pública -política de cemento e asfalto-, e sacrificaba os equipamentos sociais e educativos en aras das comunicacións terrestres, a actual Xunta bipartita pretende facerse valer nas políticas sociais -educación, sanidade, vivenda e, sobre todo, políticas de igualdade, políticas de axuda á dependencia, e políticas de benestar-, nun xiro que dá a entender que Pérez Touriño, ademais de estar dotado dunha sensibilidade de esquerdas e claramente arredada do pseudoeficientismo fraguista, tamén é consciente de que a base social do Goberno bipartito é radicalmente diferente da de Fraga, no só polas elementais razóns ideolóxicas, senón tamén pola distinta forma de entender e avaliar a actividade política.

Entendida coma un proceso de conflito e cooperación inherente á realidade social, a política é unha actividade omnipresente nas sociedades de hoxe, susceptible de ser analizada dende diferentes perspectivas. Pero vista como obxecto material dunha disciplina que serve para estudar e diagnosticar os procesos políticos, a actividade política refírese especialmente -aínda que non exclusivamente- ao extenso e complexo campo de interaccións entre a sociedade e o Estado, cuxa realidade primordial ponse de manifesto na ampla actividade coercitiva desenvolvida polas Administracións públicas e na crecente iniciativa despregada polos cidadáns que tratan de condicionar a acción de goberno ou de incrementar a oferta de servizos propia e característica do Estado de Benestar.

Dende que Bismarck puxera os primeiros alicerces do chamado "Estado providencia", hai acordo xeral en que as políticas de benestar teñen asento en catro aspectos fundamentais: un sistema sanitario que sexa capaz de garantir asistencia de calidade e gratuíta para a práctica totalidade da poboación; un sistema educativo que proporcione coñecementos suficientes para o desenvolvemento profesional e sirva para rachar as trabas que impiden a circulación e anovamento das elites; un seguro de desemprego que minore os impactos laborais dos axustes de produción e dos ciclos económicos baixos; e unhas prestacións por xubilación ou cese de actividade que fagan posible o abandono do traballo cunha idade adecuada e con recursos suficientes para desenvolver unha vida digna.

No día de hoxe as bases do Estado de Benestar seguen sendo esencialmente as mesmas, aínda que teñamos que rexistrar profundas modificacións na súa implementación política e no crecente intervencionismo do Estado -de tódolos Estados avanzados- no desenvolvemento das políticas de igualdade. Malia a encontrarnos nunha etapa económica fortemente influída polo liberalismo, que reduce a presenza do Estado en case tódolos sectores económicos e empurra con forza as liñas da competitividade nos sectores privados e mesmo na prestación dos servizos públicos, as políticas de benestar constitúen aínda unha patente excepción á retirada do Estado, que non soamente segue determinando con criterios de valor os dereitos -sobre todo pasivos- do traballador, senón que segue encontrando nas políticas de benestar unha fonte de inspiración e un argumento moi poderoso para intervir na economía dun xeito intenso e case determinante.

Mentres dende os sectores máis liberais da economía se empezan a facer profecías apocalípticas sobre o futuro das pensións e sobre a precipitada caída da compoñente salarial do PIB, a gran maioría dos gobernos europeos non dubida de que temos entrado nunha segunda onda de promoción das políticas de benestar que, dando por consolidados os avances esenciais que temos enunciado máis arriba, apunta agora cara ás políticas de igualdade, a compatibilidade do emprego coa vida familiar, o incremento do ocio, a solución das dependencias e a eliminación das discriminacións de toda caste que puideran derivarse do sexo, da idade, da raza ou de calquera outra característica persoal ou de grupo. E por iso pode dicirse que, igual que sucedera en Europa occidental dende comezos dos cincuenta, ou en España dende comezos dos sesenta, as políticas sociais e de benestar constitúen a parte máis visible das políticas de Estado, ou aquela que mellor lles serve aos cidadáns para avaliar globalmente a acción de goberno.

Máis alá da mencionada presenza universal do "político", a ciencia política pretende describir, analizar e explicar a formación da axenda política das Administracións, o conseguinte proceso de debate e decisión, e os efectos producidos sobre os mecanismos de integración e satisfacción social, e sobre o comportamento cívico dos cidadáns. E por iso a moderna ciencia política tende a identificar o seu obxecto material con realidades políticas ordenadas e institucionalizadas, nas que pode establecerse unha relación obxectiva e directa entre o comportamento dos cidadáns ou das institucións e os seus correspondentes inputs e motivacións. Esa é, xa que logo, a miña perspectiva de análise que, devecendo cada vez máis a importancia do eterno e aburrido asunto das infraestruturas, que lle serviu a Fraga para fuxir da política autonómica e refuxiarse na cómoda eficiencia dos proxectos europeos, pon a lupa con máis precisión na simple sensación de avance ou retroceso que os cidadáns experimentan nas súas condicións de vida a na perspectiva dun desenvolvemento harmónico da súa terra.

A importancia crucial de Anxo Quintana

Dá a impresión, non obstante, de que Pérez Touriño se atopa nunha fonda contradición persoal xa que, despois de ter orientado o seu discurso cara á liña máis dinámica e moderna das políticas de benestar, atópase agora con que a base fundamental para a xestión do benestar está nas consellerías do BNG, e moi especialmente nas de Tareixa Táboas e Anxo Quintana. A súa convicción inicial de que o avance das políticas educativas e sanitarias ía a converterse no clave de bóveda dunha xestión eficiente e moderna está chocando contra as graves carencias atopadas en ámbolos dous sectores, que foron claramente marxinados nas políticas fraguistas, e de aí se desprende que, a pesar de contar con xestoras eficientes e con ideas de reforma moi acaídas, precisan de máis tempo e moi importantes investimentos para facer visibles os avances que xa se están operando en educación e sanidade. E por iso os socialistas van ter que enfrontarse no vindeiro presuposto a este dilema certamente aldeán: se queremos pechar un balanzo positivo nas políticas sociais, nas que se pode notar un cambio profundo a respecto do PP, non queda máis solución que fortalecer de xeito indubidable algunhas das consellerías rexentadas polo BNG e polo propio Quintana. Porque no caso de non facelo así, e de xirar outra volta cara á política de obra pública e infraestruturas, o balanzo do bipartito pode ser menos competitivo e darlle boas bazas electorais á estratexia do PP.

Se as relacións do bipartito estivesen normalizadas, e se os socios tivesen claro que a súa permanencia no goberno é cousa de dous, non cabe ningunha dúbida de que a cerna das políticas da Xunta nos dous vindeiros anos sería o desenvolvemento da Lei de Dependencia, cun enorme esforzo para lles dar resposta aos problemas dunha poboación moi envellecida que vive nas pequenas vilas e aldeas do interior e que cada día ten máis dificultades para desenvolver a súa vida con normalidade. Pero as relacións entre o PSdeG-PSOE e o BNG distan moito de estar normalizadas, e todo apunta a que Pérez Touriño aínda soña con que un pretendido sorpasso electoral do PSOE con relación ao PP lle permita atenazar o pacto cos nacionalistas e sentar as bases para un bipartidismo real.

O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 124, setembro de 2007)


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: