Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
CRISTINA PERI ROSSI, POETA

"Ser muller, ser escritora e ser exiliada son tres formas de marxinación"

Na adolescencia, Cristina Peri Rossi (Montevideo, 1941) tiña un soño ben preciso, quería ser poeta. Unha entrevista de Iago Martínez con fotografías de Tamara de la Fuente.

TEMPOS Novos - 11:00 31/08/2007

Na adolescencia, Cristina Peri Rossi (Montevideo, 1941) tiña un soño ben preciso. Quería ser poeta e publicar, algún día, a súa poesía toda nun mesmo libro, como aqueles de Baudelaire, Quevedo ou García Lorca que seu tío gardaba nos andeis da biblioteca. Tanto lle daba que fose reunida ou completa, o caso era vela xunta. A editorial Lumen vénlle de sandar o capricho case 35 anos despois do seu primeiro poemario, catro décadas a enfiar versos, novelas, contos, artigos, algunha biografía e un par de ensaios. Todo, menos a novela da represión que prometera. Unha entrevista de Iago Martínez con fotografías de Tamara de la Fuente.


Apenas unha hora antes de que Michel Onfray debulle polo miúdo a súa teoría do hedonismo contemporáneo, no mesmo hall do Centre de Cultura Contemporània de Barcelona (CCCB) Cristina Peri Rossi ten unha cita co mondo queer: un debate coas escritoras Empar Moliner e Mercedes Abad, moito máis novas ca ela, arredor das novas relacións interpersoais, a desestruturación e a desmitificación da familia tradicional, as transformación da maternidade e a paternidade... Dúas xeracións, tres feministas, tres discursos, tres olladas e sobre todo tres peripecias. Cando saúda, descubro con sorpresa que non é a mesma poeta que Cortázar trazara nas amigas de Salvo el crepúsculo hai vinte anos. É distinta, claro, é outra. Eu tamén. Talvez por iso non digo nada.

Por que Kosmópolis convoca a tres mulleres para falar da nova sentimentalidade?

A sentimentalidade asóciase decote ás mulleres e non é por azar. Temos, diría, un maior desenvolvemento da parte do cerebro que corresponde aos afectos e aos sentimentos, con máis capacidade de expresión. Canto á nova sentimentalidade, eu, que son escritora mais tamén unha gran amante da bioloxía, porque penso que hai que voltar un pouco ao Renacemento e á Ilustración, ter unha visión global do ser humano, coido que xa non podemos ignorar certos descubrimentos da bioloxía moderna. Practicamente non hai novos sentimentos dende a época de Neanderthal, os homes e as mulleres de Neanderthal experimentaban as mesmas emocións e os mesmos sentimentos ca nós. O seu xeito de expresalo era distinto, talvez, mais sentían o mesmo. O que cambiou, sobre todo, foi a organización social, e mesmo subxectiva, deses sentimentos.

Como afectan á linguaxe literaria, se é que o fan, eses novos xeitos de organizar socialmente os sentimentos?

Como escritora, eu teño que ter sempre en conta o inconsciente do leitor. Voulle poñer un exemplo. Cando publiquei, hai moitos anos, a que talvez fose a primeira novela sobre o exilio, La nave de los locos, moita xente me preguntou por que o protagonista é masculino. E por que a Flaubert non lle preguntaron por Madame Bovary? Porque non é habitual, non está aínda nas pegadas do cerebro da xente, aínda que sexan leitores, que unha muller escriba sobre un protagonista masculino. En segundo lugar, por que eu, para escribir unha novela sobre o exilio, procurei un home no canto de inspirarme na miña propia experiencia? Pois porque sei que cando digo "exilio", automaticamente o leitor pensa nun home. É raro pensar unha muller exiliada, non sendo unha muller que acompaña a un home, claro. O inconsciente é a nosa parte máis atávica, máis atrasada, e como escritora teño que chegar sempre a unha sorte de pacto con esa dimensión máis arcaica. Cal foi o pacto que estabelecín en La nave de los locos? Moi doado: como o que digo é moderno, anovador e revolucionario, a cambio cedo e poño un personaxe tradicional no centro. O protagonista é un home para non crear confusión nin distraer.

É deliberado, ou máis ben unha decisión inconsciente?

En realidade, é a primeira vez que explico todas estas negociacións, nunca o fixera antes nunha entrevista, e xa son millóns. Non o sei tampouco de maneira racional, estouno a racionalizar agora. É o meu instinto. Acontece, por caso, cos nomes propios. Eu nunca poría o seu nome, Iago, a un personaxe, porque obrigaría á xente a meditar. Por iso Kafka e por iso o meu personaxe se chama X, para que a xente non pregunte de onde é, ou se é, ou se se chama Santiago Juan porque é colombiano. Non, non. A lingua vese afectada na medida en que é un organismo vivo que recibe moitísimas influencias. Olle se non para o que acontece cos termos que pasan da economía á linguaxe ordinaria, ou ao revés. A crise do 29 na bolsa, a gran crise mundial, chámase Gran Depresión, unha expresión que ven da psicoloxía, e cando a bolsa sobe falamos de "euforia".

Voltamos á nova sentimentalidade?

Si, desculpe. Cando eu falo das novas sentimentalidades falo das novas formas que adquiren os vellos sentimentos para a súa loita permanente co social. Televisión Española fixo hai pouco un programa sobre a homosexualidade na xente maior de sesenta anos. Sabe por que é preciso facer ese programa? Porque hai unha tensión, un conflito entre un sentimento que existe dende a orixe da Humanidade, que existe no mundo animal, que é a homosexualidade, e a sociedade. É o vello conflito de Rousseau: o home é bo e a sociedade é a que o perturba e o volve malo. A loita eterna entre a individualidade e a sociedade. Logo vén Freud e di que o home e a muller se volven neuróticos porque non poden cumprir os seus desexos por culpa do pacto social. O pacto social reprime, prohibe cousas que o desexo quere, e iso acontece en todas as sociedades, é un conflito histórico que cambia. Evidentemente, se eu escollo Occidente é porque prefiro vivir con este conflito tal e como se vive nos países occidentais no canto de vivir con este mesmo conflito tal e como se fai nos países musulmáns.

En realidade, preguntáballe se é posíbel construír unha narratividade propiamente feminina fronte á narratividade hexemónica, patriarcal.

Teño un poema que se chama Condición de mujer. Non o sei de memoria, mais vén a dicir algo así: falo a lingua dos conquistadores mais vivo o oposto do que eles din. Ese é o núcleo do poema: non teño máis remedio que falar a lingua dos conquistadores, sendo os conquistadores a sociedade patriarcal, mais a podo usar para dicir o contrario. Para min o problema non é tanto formal, cómo falo, se emprego este recurso ou non... De Joyce para aquí apenas houbo anovacións. O importante é o que se di. Non creo que un discurso sexa revolucionario porque se diga en catalán. Pode ser tan reaccionario en castelán como en catalán, en vasco ou en galego. Realmente, a visión revolucionaria feminina está en calquera ensaio, en calquera poema que diga algo revolucionario. Se non, habería que considerar que os maiores revolucionarios do século XX foron os surrealistas, e os surrealistas, en literatura, ben ao contrario, até certo punto foron moi reaccionarios, porque lle roubaron á palabra todo o xuízo. Ao experimentar nada máis coa forma, ao baleirar de contido a palabra, convertérona nun soporte vacío. A palabra é xuízo, e por iso se converteu no inimigo dos totalitarismos e sempre estivo en conflito co poder. Ou dis o que o amo quere ou dis todo o contrario. Non concordo con esa idea de que unha imaxe vale máis que mil palabras. Unha imaxe, sen un pé, non se entende.

Deféndenos a palabra da inflación visual?

Niso eu son moi freudiana. A técnica vai a unha velocidade que nos converte en neuróticos, porque crea necesidades que non existen. Ofrécenme un móbil con cámara fotográfica e non sei que máis... Xa teño cámara e móbil! Amais, ponme mala ter un aparello cun cento de botóns que non sei usar. A min angústiame, mais entendo que a outra xente a pode excitar. Estamos de novo diante da loita entre o desexo e a sociedade. Eu non creo que o obxectivo da técnica sexa facernos máis felices. Na sociedade capitalista extrema na que vivimos hai un só obxectivo, o beneficio, e o beneficio pode ser completamente inmoral ou mesmo ir contra os intereses da especie. Aí tamén hai un conflito. Con todo, dalgún xeito, a imaxe é moi necesaria. Eu son adicta ao cinema, mais como son desa xeración que abeira os setenta, aínda noto a diferencia entre ir ver unha película ao cine, O gatopardo, por caso, ou vela na casa. Prefiro o cine porque talvez, como son un animal de costumes, coma case todo o mundo, a min o que me gustaba era vestirme para ir ao cine, ver a pantalla grande, a escuridade, e que ninguén me falase. No cine estou sumerxida. Na casa, aínda que procuro reconstruír o cine, vivo nun apartamento pequeno e non teño sitio abondo para unha pantalla grande. Perde calidade. Creo que a decadencia actual do cinema, sobre todo do norteamericano, é porque se está a facer para a pantalla pequena do televisor.

De fenómeno de tribo, o cinema pasa ao consumo privado e desactívase.

Privado e mesmo vulgar, porque a xente bota a falar, trae a pizza... Na nosa sociedade hai cada vez menos cousas sagradas, rituais, e eu penso que son moi necesarias, cando menos para min si que o son, subxectivamente. O ritual de ir ao cine, agardar na cola e logo entrar nun espazo que ten algo de templo, escuro, o lugar da mitomanía, iso pérdese no televisor. Sei que son teimuda, mais conservo algo que antes tiñan os cativos e que hoxe non teñen. Cando era nena, todos eramos moi críticos co que nos ofrecía a publicidade porque levabamos poucos cartos. Tiñamos que estar convencidos antes de gastar un peso. Falábao decote con Cortázar: o escritor ten que mirar polo neno que leva dentro. Malpocadamente, ese sentido crítico cara a sociedade desactivouse, talvez porque vivimos, non o critico, nada máis o cuestiono como problema filosófico, con actitude hedonista. Cando un rapaz de vinte anos di que o que procura nesta vida é pasalo ben, hai unha parte de min que se revira, claro, como que pasalo ben!, se hai que preocuparse polo mundo, polo medio ambiente... Porén, ao cabo, tamén penso que leva razón, que o mundo tampouco non se preocupa por nós. Isto tamén é antigo, vén da época clásica, do hedonismo grego. Nada, no fondo, cambiou demasiado.

Tamén é antigo que a imaxe fixo mudar a literatura.

Claro, era obrigado. A imaxe é máis eficaz á hora de narrar. Na Ilíada, unha batalla pode levar cinco cantos, e ademais non se poden contar dous feitos simultaneamente. Pódese relatar como Diomedes se enfronta a Aquiles, mais non contar ao mesmo tempo que aquel bate naqueloutro e así sucesivamente. A pantalla do cine si que o pode facer, mais tamén banaliza. O cinema foi creado como entretenemento, a súa dimensión artística veu logo. Agora ben, eu trato de vivir nun mundo onde a imaxe sexa elexida por min. Viña no taxi comentando con dúas amigas unha fotografía que publicou hoxe o diario El País, impresionante, un heroe do Katrina que matou á súa compañeira. Non sei quen a fixo, é unha foto deles os dous hai algún tempo, mais ben podería ser de Diane Arbus. Pois ben: esa imaxe, sen lectura, sen interpretación, é totalmente confusa. Unha vez lembro que o meu sobriño, cando tiña catro ou cinco anos, entrou ás alancadas na casa e ficou pampo de vez a ollar para o televisor, onde dúas mulleres se bicaban e se apertaban e arquexaban. Ao cabo, preguntou: estanse matando? E é que ás veces unha imaxe é tan ambigua que precisamos axuda para descodificala. Depende do pé que leve embaixo pode ser unha liorta ou unha escea de amor.

A entrevista completa, na edición impresa de ProTexta (nº 3, verán de 2007), o suplemento de libros da revista TEMPOS Novos que se distribúe co edición de agosto


3,83/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: