Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
LAURA SÁNCHEZ PIÑÓN, CONSELLEIRA DE EDUCACIÓN

"A polémica polo Decreto do galego está baseada no medo"

Laura Sánchez Piñón amosa abraio, porque a norma reproduce en letra e espírito o consenso do Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL) de 2004. Amais, á conselleira quédanlle dous anos de lexislatura para desenvolver -entre a LOU e Boloña- a reforma das universidades galegas. Unha entrevista de Aurelio Castro con fotografías de Quico López.

TEMPOS Novos - 14:00 01/08/2007

Alberto Núñez Feijoo e a plataforma "Tan gallego como el gallego" desmenten o romance. Con todo, entre os dous deron armado o simulacro dunha ditadura monolingüe, verbo do Decreto de Promoción do Galego no Ensino. Diante desta controversia virtual, Laura Sánchez Piñón amosa abraio, porque a norma reproduce en letra e espírito o consenso do Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL) de 2004. Amais, á conselleira quédanlle dous anos de lexislatura para desenvolver -entre a LOU e Boloña- a reforma das universidades galegas. Unha entrevista de Aurelio Castro con fotografías de Quico López.



Ao último de todo, Núñez Feijoo rexeitou o Decreto de Promoción do Galego no Ensino por non respectar o ditame do Consello Consultivo. A que aspectos facía referencia?


Do Consello Consultivo non quero facer valoración ningunha. É un órgano, coma o seu propio nome indica, de consulta. E coma con calquera outro decreto, podemos aceptar ou non as súas consideracións. O borrador de febreiro, co que estivera de acordo o PPdeG, non resultou modificado en nada substancial. Como é lóxico, durante a súa tramitación foron introducidas algunhas aclaracións e melloras xurídicas, sempre en aras do consenso, do Servizo de Igualdade, do Consello Escolar de Galicia, da Secretaría Xeral de Política Lingüística e dos tres Grupos parlamentarios. Tiñamos todo un articulado redactado, un anteproxecto que non mudou no seu contido. As explicacións ha de achegalas o PPdeG.

Amais, semella totalmente coherente co Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNG), aprobado unanimemente polos tres partidos en 2004.


O Decreto consiste, de feito, en pórlle ao Plan unha norma no ensino non universitario. Tan claro coma iso. Tanto, que na parte final vai un anexo co anaco do PXNL que atinxe a educación. E tramitouse con todas as garantías xurídicas porque, coma os outros decretos, pasou polas mans da Asesoría da Xunta. Logo hai informes que non son vinculantes, que se acatan ás veces polo aquel dun maior consenso, só se se quere. Seguimos agardando a que o PP nos dea o seu apoio.

O Decreto regula que, cando menos, un 50 % das aulas se impartan en galego. Non é tal obxectivo compatíbel co chamado bilingüismo harmónico?


Está no Plan, así redactado. Se un le o Decreto, no final de cada apartado -infantil, primaria, secundaria e bacharelato- sempre se garante que o estudantado ha de ter a mesma competencia nas dúas linguas, galego e castelán, ao remate do ensino obrigatorio. Esa é a filosofía que nos une e a que se persegue. Volvo dicilo: non hai ningunha razón obxectiva para que o PP non o aprobe.

Se cadra o problema radica en que, tras anos de desleixo, á fin parece que se vai cumprir o PXNL en escolas e institutos?

Non, porque a redacción do Decreto nace dun Plan que compartiamos os tres Grupos. O papel da inspección xa aparecía no borrador de febreiro e non foi motivo de disputa, nin o está a ser agora. Mentres non se nos indique unha razón de peso, o PP ten que defendelo, tanto coma o Goberno. Os seus votantes non o entenderían.

Un feixe de profesores e pais veñen de recoller sinaturas en contra do Decreto. Que importancia lle outorga a Consellaría a esta iniciativa?


Ningún centro, dirección ou profesor nos comunicou de xeito oficial o seu malestar. O Decreto coñécese dende febreiro, era un realidade. As programacións do curso vindeiro, o encargo dos libros, xa sinalaban este novo feito no sistema educativo. E non houbo mentres ningunha queixa. Hai por aí unha plataforma, da que se desmarca o PP e viceversa, e sobre a que me vou gardar a opinión. Esta Consellería, a través dos órganos de representación dos profesores, da Xunta Autonómica de Directores, das organizacións sindicais, das asociacións de pais -tanto de colexios públicos coma privados-, non detectou ningún problema, ningunha preocupación. Ningunha voz en contra.

Por que xurdiu daquela todo este barullo, tan mediático coma inédito?


O sistema educativo está esperanzado co Decreto, porque o cre bo. Ter dúas linguas é unha riqueza. Un dos obxectivos de Europa é o multilingüismo: que cada cidadán fale dúas linguas máis unha outra. E diso estamos máis preto en Galicia que noutros lugares de España. Todos os estudos apuntan que os nenos bilingües dispoñen de mellor capacidade para a aprendizaxe en xeral e aínda máis, para outras linguas. E neste país todo isto estano a rebater, algúns, por descoñecemento. O número de horas para as linguas galega e castelán son as mesmas, catro e catro, mentres que en Andalucía, por exemplo, só teñen catro de castelán. É unha polémica baseada no descoñecemento e no medo -a palabra ignorancia paréceme moi forte-. O bilingüísmo produce medo e nós temos que difundir que se trata dunha vantaxe, que cómpre aproveitalo.

Inquiétalle á Consellería que se utilice o galego deste xeito, para encirrar?


Creo firmemente que non vai haber ningunha crispación. En primeiro lugar, porque non se aprecia no sistema educativo, nin sequera nas escolas concertadas. Mesmo nestas, apareceron asociacións de pais que dicían non comprender a postura do PP. Agardamos que volva a calma, como xa está a suceder. Non haberá ningunha caste de confrontación; cando non existen razóns, é moi difícil. A nosa idea é traballar nun senso positivo: explicar, espallar, dar apoio e novo deseño a materiais curriculares. E convencer. Recomendo unha lectura tranquila e sosegada do Decreto. O coñecemento acouga, fai que perdamos o medo.

A Lei Orgánica de Universidades (LOU) esixe unha concreción en cada comunidade autónoma. En Galiza, esta ha producirse mediante unha Lei galega de universidades ou mediante decretos?

A decisión habémola tomar no Consello de Goberno e no propio Consello Galego de Universidades (CGU), no que están representadas as tres universidades galegas, os consellos sociais e tamén o Parlamento. Unha lei ten un rango superior pero implica, no entanto, unha tramitación máis longa. E o que se procura sempre, máis aínda coas leis educativas, é recibir o máximo apoio parlamentario para durar no tempo. Ademais, o idóneo sería dispor primeiro do paraugas dunha Lei galega de educación, que desenvolvese pola súa banda a Lei Orgánica de Educación (LOE). Mentres, podemos ir aplicando a LOU a través de decretos, que manterían certa coherencia, claro, coa futura lei. Xa temos un que regula os másters públicos e miraremos outro para as titulacións.

Cales serán os ámbitos de maior definición?

Proporcionarlle unha meirande articulación ao sistema universitario galego, ás tres universidades, ten que quedar ben reforzado pola lexislación.

E que requisitos de creación terán as universidades privadas?


A reforma da LOU xa inclúe condicións respecto do número de titulacións, da caste e do número de persoal docente, que cómpre obedecer. Ningunha comunidade autónoma vai entrar aí. En todo caso, son condicións moi esixentes no Estado español, a diferenza doutros países. O noso sistema universitario é eminentemente público. Non se pode descartar, mais en Galicia non existe ningunha iniciativa de universidade privada.

A LOU tamén lle outorga ás Comunidades Autónomas competencias para estabelecer o réxime xurídico e retributivo do profesorado contratado.


No último ano, en Galicia, fixemos un desenvolvemento de complementos retributivos -de excelencia curricular investigadora e docente ou de xestión, por caso- que permitían mellorar o salario entre 10.000 e 10.500 euros. O soldo dos profesores funcionarios situouse na franxa media-alta do Estado. E poderían aparecer máis complementos ou proseguirmos estes para os docentes contratados e doutores. Aínda que se recoñecen a nivel estatal e só para funcionarios, dende a Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora (CNEAI) estanse pondo os medios para se lle atribuíren ao persoal contratado. E para iso precisamos de mecanismos de homologación estatal.

A entrevista completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 122, xullo de 2007)


4/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: