Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
SEN CORSÉ

Zoooom

Un conto erótico de Estíbaliz Espinosa ilustrado por Adrián Figueroa.

TEMPOS Novos - 17:40 12/07/2007

Levas un anaco de tempo con esta páxina entre as mans.

Non sabes que facer con ela.

Ergues. Volves sentar. Fregas as mans. Unha chamada de móbil para facer tempo. Cunha man termas da cabeza e tamborilas cos dedos no rostro.

Por fin, achégaste. Á páxina. O ollo da súa pechadura faise grande. Máis. Enorme. A túa luz fica atrapada. Colapsas coma unha estrela de neutróns.

Cun pouco de vertixe, xa estás do outro lado.

O outro lado, coma todos os outroslados, preséntase escuro. Acendes un misto.

Semella a cabina dunha nave.

Unha criatura mecánica aparece pola dereita. Unha criatura mecánica aparece pola esquerda. Negras. Case indistinguíbeis. Comezan a bailar. Ficas absorto. Desexas seguir lendo?

O baile é lento, torpe, complicado. Non fan ruído ningún. Son máquinas silenciosas, que non dan problemas. Levitan coma chatarra nun desguace. Están ocas.

Comezan a se arrincaren as placas de titanio a dentadas. Unha a outra. Non semellan furiosas, senón obedientes. Baixo as placas de titanio vemos eu estou contigo e acendemos outro misto] traxes de kevlar, moi axustado, moi branco. Alta tecnoloxía da que os humanos levaron ao espazo. Unha das autómatas tira dunha discreta cremalleira no traxe da súa compañeira. Esta repite o xesto nela. Nin unha virxe despoxaría do seu saial con tanta entrega. O kevlar branco dá contra o chan e deixa ao descuberto dous corpos de muller envoltos en gasa.

A muller, á que chamaremos muller A, toma entre os seus dedos de carne o extremo da gasa da muller B. Tira. A muller B xira. Xira dentro da gasa e a gasa cae en capas. Renxe dun xeito imperceptíbel, como renxería unha crisálida que desfai entre os dedos dun neno. A gasa desmáiase no chan e ...

A gasa desmáiase no chan e albiscamos eu estou contigo e dámonos a man] o corpo da muller B cunha camiseta pálida "CK" e uns vaqueiros. A muller B toma á súa vez o extremo da gasa da muller A. Pola contra, non a fai xirar con delicadeza. Ráchaa. Ela si, ela semella furiosa. A gasa rompe cun salaio humano e debaixo asoma a punta dunha burka. A burka é azul, azul afgán. A muller A saca as mans baixo a súa burka e desabrocha os vaqueiros da muller B.

Faino cunha ansia que a entorpece.

Os vaqueiros deslizan polas pernas como auga xabonosa. Unha vez que aclara, xa non hai vaqueiros senón un anaco de saia estampada e un mandil. Miramos dos dous, ti sostés o misto] o busto da muller. Non veste a camiseta pálida co nome dun deseñador de moda no peito. Agora vai envolta nun pano, ata a cabeza. O seu contorno é preciso, coma se tallado en madeira. Advertimos que carece de brazos e que sorrí sempre. En efecto, é de madeira. Pintada. É unha matrioshka. Só pode mover abaneando, lémbranos a unha pedra inmensa que viviu en Muxía e foi rota de tanto usala.

A matrioshka abala. Golpea a muller da burka.A burka descose e cae e debaixo fica á intemperie unha geisha diminuta cos beizos moi vermellos. No kimono de seda garda un instrumento musical que soa sen descanso. O instrumento pínzase cuns dedais de metal, moi dorosos na carne. A geisha pinza a cintura da matrioshka. A súa madeira ábrese. Dentro dela axexa un home nu.

A geisha ceiba un chío de consternación.

Como que un home nu?

O conto completo, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 121, xuño de 2007)


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: