Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Fútbol sala

Queren declarar ilegal o partido entre Cataluña e a Selección Estatal

O PP no Parlamento Catalán segue turrando contra un partido que xa se celebrou, e levou o asunto á Avogacía do Estado, que vai estudar se houbo ou non delito.

Redacción - 14:32 13/06/2007
Momento do encontro (Foto: Mijail Efremov en El Mundo)

Momento do encontro (Foto: Mijail Efremov en El Mundo)

Os avogados estatais van finalmente estudar en qué condicións se celebrou na segunda feira o partido de fútbol sala entre a Selección Catalá e unha selección amateur de xogadores españois, que non está recoñecida nin pola FIFA nin pola FEF.

O partido -que gañou Cataluña 5 a 3- celebrouse dentro do campionato que organizaba a Asociación Mundial de Futsal (AMF) na localidade de Yakutsk, na Siberia Oriental, envolto en himnos e bandeiras de ámbalas dúas seleccións.

Xa había unha semana que o deputado do PP catalán, Daniel Sirera andaba teimando por prohibir o encontro, ou polo menos prohibir o emprego de "símbolos nacionais" como as bandeiras e himnos. Mais sonaron os dous... Els Segadors e logo o himno británico, por erro. Finalmente soou o himno español e saíron as bandeiras.

E agora vai intervir o Goberno Español

Aínda que non era unha competición oficial, xa que os dous clubes teñen carácter privado, na terza feira o voceiro do PSOE no Congreso, Diego López Garrido dixo que van tratar de investigar, "dende a legalidade ao respecto", "se houbo delito na usurpación de símbolos nacionais". Por outro lado, o secretario de estado para o Deporte, Jaime Lissavetzky dixo que foi todo unha "situación absurda" e que "nunca se vai celebrar unha competición oficial entre España e Cataluña". Lissavetzky tamén dixo que cando o goberno soubo do partido, investigou se esa selección amateur estatal estaba tentando "suplantar" a España, e chamou a todo correr a Siberia, para prohibir o emprego dos "símbolios nacionais".

Todo un conflito arredor dun só encontro, que o PP pensa levar ao Congreso para impedir a particicipación "das seleccións autonómicas nas competicións internacionais", aínda que a ministra de Educación e Ciencia, Mercedes Cabrera, pediu que "non sacasen as cousas de quicio", tras chamar a Siberia para prohibir bandeiras e símbolos, e non atopar ninguén do outro lado da liña.

O adestrador do equipo español quedou chafado...

... ao chegar a Moscú e atopar paseando aos membros da Selección Catalá pola Praza Vermella. Foron eles os que lle dixeron que non ían xogar contra xapón, como agardaba, senón contra eles mesmos. Ángel Chacón protesta agora polo partido, pero non o fixo daquela porque, a algo máis de 12.000 quilómetros da casa, entroulle medo de "quedar tirado". Chacón di que houbo "unha emboscada" para que tivesen que xogar contra Cataluña e que tentou facérllelo saber aos organizadores do partido in situ; mais estes non se enteraban de nada.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: