Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
Paul Rios, Coordinador Xeral de Lokarri

"Hai que defender con máis intensidade aínda a aposta polo diálogo en Euskadi"

A Rede Cidadá polo Acordo e a Consulta, inicialmente Elkarri, foi rebautizada agora como Lokarri e é capaz de xuntar  xente de todas as forzas vascas. Vieiros falou con eles.

Roberto Noguerol - 09:00 08/06/2007

En que situación deixa a ETA o escenario de esperanza que se abrira hai poucos meses en Euskadi?
Cremos que a ETA volveu vulnerar a vontade maioritaria do pobo vasco, facéndolle caso omiso á nosa sociedade. Resultan ferintes ademais os termos nos que se fai o comunicado que anuncia a fin do cesamento de fogo. A forma de erixírense ou o xeito de facer un chamamento á sociedade para a construción de Euskal Herria. É como se non tiveran en conta a realidade do que a sociedade veu construíndo en todo este tempo.

Se cadra non parece o mellor momento para subliñar posicións optimistas, pero a liña de Lokarri vén sendo coherente nese sentido...
Nós cremos que mellor maneira de combater a ETA, e perdoa que use a expresión combater, non é teimar en recortar dereitos e liberdades senón coa democracia e os dereitos humanos. É por iso que moi ao contrario do que algúns insisten, nós subliñamos que debe intensificarse o diálogo e non renunciarse a avanzar por camiños que debuxan a esperanza da paz. Outra cousa sería deixadez de funcións por parte dos que teñen a tarefa de garantir que os resortes da democracia funcionen.

Vostedes teñen claros os pasos que hai que dar, que haberá que dar?
O gran valor que como sociedade vimos acumulando é o feito de termos chegado a un escenario onde está perfectamente claro o que hai que facer para solucionar o conflito: O primeiro é a fin da violencia; despois, un diálogo sen exclusións e un acordo plural.

É nos peores momentos, como o que agora por exemplo se acaba de abrir, cando hai que defender aínda con máis firmeza a fin da violencia e a aposta polo diálogo.

Outro gran erro é deixarlle á ETA a chave para decidiren eles cando se dialoga e cando se non. Ese é un erro grave. E os que teiman en que a ETA non debe ser protagonista concédenlle iso. E por tanto que nós pedimos que se insista: dialoguemos.

Que percepción teñen vostedes nos últimos días desde o anuncio da ETA? Hai se cadra pesimismo, resignación?
Hai certo empacho e frustración. É difícil entender que tendo tan claro como queremos convivir sexa tan difícil logralo na práctica. Malia todo, iso non significa que a sociedade vasca se renda. Hai que volver empurrar. A ETA debe sentir a presión social atrás dela para forzala a repensar a súa actitude. O alento cidadán conseguirá cambiar as cousas.

Ser capaces de xuntar voces diversas é un valor importante...
Nós cremos que a posición que defendemos é maioritaria. Os partidos políticos que apostan por estes principios conseguen agora mesmo o favor nas urnas. Estamos solicitando que se lle dea aos vascos a oportunidade de decidiren o seu futuro, e somos optimistas ao respecto.

Nesa pluralidade, cal é a posición da esquerda abertzale fronte a Elkarri antes e Lokarri agora?
Batasuna decidiu hai xa dous anos que ía vetar, como organización, toda actividade de Elkarri, e volveu reafirmarse nesa actitude máis recentemente. E paradoxalmente, a título individual, moitos integrantes do contorno da esquerda abertzale forman parte desde o comezo de Elkarri e apoian agora a Lokarri. Os principios básicos que nós defendemos son perfectamente asumíbeis.

E por outro lado, até que punto condiciona o proceso o PP?
Aquí non ten tanto efecto porque mesmo no estremo de que o Partido Popular teimase nesa actitude, chegaría a ser posíbel un proceso de paz sen o apoio do PP. Pero si sería recomendábel que o PP exercese unha actitude responsábel e se comprometese con ese proceso. Máis aínda, o PP fixo presión para estender todos os obstáculos posíbeis ás oportunidades. E favoreceu o uso de medios non lexítimos. Porque estimulou a manipulación e condicionou as decisións xudiciais.

Vostedes falan tamén de tres eixos: acordo, consulta e reconciliación. Entendo que este último é o máis complicado de propoñer?
Falamos de obxectivos xa nun plano máis avanzado. Insisto, o inmediato: fin da violencia; despois, un diálogo sen exclusións e un acordo plural. Xa logo, traballamos tamén en favor do tema da consulta á sociedade. Evidentemente, é máis complicado o apartado da reconciliación, pero tamén é inevitábel e será bo que alguén traballe por crear as bases para o escenario que antes ou despois vai ter que producirse.

Con tanto como se fala de Euskadi a nivel estatal, un colectivo tan consolidado como Lokarri é apenas coñecido fóra de aló... Non ten vostede a convicción de que axudaría que a imaxe do debate vasco chegase menos distorsionada?
Certamente, do que acontece aquí sempre se destaca o negativo. Hai un déficit claro de percepción da realidade do que en Euskadi está acontecendo. E esa realidade amosa que existe unha sociedade moi activa e comprometida en favor da aposta pola paz. É bo que pouco a pouco haxa quen se interese por profundizar máis e ofrecer visións máis ricas do contexto vasco, pero por desgracia esa sociedade comprometida ten moi pouco reflexo no resto do Estado.


4,89/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: