Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Rexeita o recurso da Fiscalía

A Audiencia confirma o procesamento dos militares americanos polo asasinato de Couso

O xuíz Pedraz lembra que o Tribunal Supremo xa decidira en decembro de 2006 declarar que a Xustiza española tiña xurisdición nesta causa.

Redacción - 17:15 24/05/2007
Xosé Couso morreu a causa do disparo dun proxectil dos EUA

Xosé Couso morreu a causa do disparo dun proxectil dos EUA

O xuíz da Audiencia Nacional española Santiago Pedraz desestimou este xoves o recurso interposto a pasada semana pola Fiscalía, no que se solicitaba o arquivo do 'caso Couso'. Pedraz confirmou o procesamento dos tres membros do exército dos EUA implicados, por un delito contra a comunidade internacional e outro de asasinato.

Pedraz salienta que "chama a atención o cambio de posición agora adoptado polo Ministerio Fiscal", e lembra que o Tribunal Supremo decidira en decembro de 2006 declarar que os xuíces e tribunais españois tiñan xurisdición para tratar a presente causa.

Cambio de criterio da Fiscalía

Xa que logo a Audiencia reactivou os decretos de busca e captura contra os tres militares, e a Fiscalía "non se opuxo a dita medida" o que significaba que "estaba de acordo con devandito decreto" e estimaba "que o delito existía".

"Se naquel momento o Ministerio Fiscal considerase o que agora alega", é dicir, que os tres militares non teñen responsabilidade criminal, "debería entón solicitar que se deixase sen efecto o acordo de prisión provisional e, no entanto, non o fixo", agrega Pedraz.

O xuíz considera a reacción dos soldados "desproporcionada", xa que as forzas norteamericanas non sufriron ningún ataque desde ese punto e ademais "sabían a condición do hotel e por quen estaba habitado", é dicir, xornalistas.

Atemorizar os xornalistas

Para Pedraz o lanzamento dun proxectil de carro de combate de 120 mm, é de todo punto "esaxerado" para neutralizar a un hipotético francotirador, e eran previsíbeis "os danos colaterais" que provocarían a morte ou lesións das persoas alí aloxadas.

Agrega, ademais, que o testemuño directo dos xornalistas aloxados no Hotel Palestina non se pode cualificar como di o fiscal de "vagas declaracións". Existe "a fundada sospeita de que o ataque pretendese atemorizar aos xornalistas aloxados", engade, e destaca que a agresión produciuse coincidindo con ataques a outras sedes de medios de comunicación.

O ataque contra o Hotel Palestina de Bagdad, onde se aloxaba a prensa internacional durante a guerra de Iraq e no que resultaron mortos o cámara de Telecinco Xosé Manuel Couso e o reporteiro da axencia Reuters Taras Protsyuk, produciuse o 8 de abril de 2003, durante a ocupación estadounidense.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: