Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XXVI Feira da capital galega

Dez días de libros en Compostela

O programa de actividades abrangue presentacións, sinaturas de exemplares, representacións infantís e tamén sorteos.

Redacción - 14:27 27/04/2007
A alameda compostelá convértese estes días nun punto de encontro coa literatura

A alameda compostelá convértese estes días nun punto de encontro coa literatura

O paseo central da alameda compostelá convértese do 27 de abril ao 6 de maio no punto de referencia e de encontro coa literatura. Xa están instaladas as casetas onde, ademais da venda de libros, haberá todo tipo de actividades relacionadas coa lectura.

Durante dez días, tocaranse puntos de vista moi diferentes. Así, a primeira xornada, o venres 27, dedícase aos libros accesíbeis para persoas con discapacidade. O sábado desenvolverase o acto oficial de inauguración, cun pregón a cargo de Inma López Silva, autora de New York, New York. Pola tarde, asinará exemplares do seu libro.

O domingo escenificarase unha obra para nenos baseada n'A volta ao mundo en 80 días, de Jules Verne e Fina Casalderrei asinará copias de tres dos seus libros. A xornada do luns estará dedicada á poesía e contará con regueifas e un recital coordinado por Antía Otero con Marilar Aleixandre, Estevo Creus, María Lado e Lucía Aldao.

Coloquio con Díaz Pardo
O martes, Día do Traballo, Isaac Díaz Pardo e María Antonia Iglesias participarán nunha charla-coloquio sobre a memoria histórica moderada por Suso de Toro. A feira continuará o mércores con, entre outras actividades, as presentacións dos libros Ramón Martínez López, de Amancio Liñares, e Os sons da buguina, de Carlos Labraña. O xoves xirará arredor da banda deseñada, cun obradoiro coordinado por Pepe Carreiro.

A sexta feira 4 de maio, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural dará a coñecer a rede de Ciclobibliotecas e Diego Ameixeiras asinará exemplares de Tres segundos de memoria. A feira rematará a fin de semana coas presentacións dos libros de Xaquín Marín, Lois Pérez Leira e Eloy Caldeiro o sábado, e o Dicionario María Mariño de Esperanza Mariño Dávila, o domingo.

Agasallos literarios
Durante toda a semana haberá, tamén, sorteos de libros e moitas outras actividades. Ademais, a concellaría de Cultura de Santiago agasallará no seu posto cun exemplar dalgunha da súas publicacións a quen merque dous volumes nalgunha das casetas da 26ª feira, que organiza a Federación de Libreiros de Galicia, a Consellería de Cultura e Deporte, a Concellaría de Cultura de Santiago de Compostela e Caixanova.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: