Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Virxilio Costas destaca o labor dos profesionais

Medra a audiencia da Radio Galega

A emisora autonómica Galega achégase aos 200.000 ouvintes de luns a venres, case 40.000 máis ca hai un ano.

Redacción - 19:12 25/04/2007
Logotipo da Radio Galega

Logotipo da Radio Galega

A Radio Galega subiu un 26% a súa audiencia de luns a venres en relación ao ano pasado, segundo o Estudo Xeral de Medios (EGM). A emisora autonómica acadou os 198.000 ouvintes en días laborais, 39.000 máis ca nas mesmas datas do ano 2006.

O director da Radio Galega, Virxilio Costas, afirmou que os artífices do éxito da cadea foron os seus profesionais. Así, citou os casos dos programas Diario cultural, con Ana Romaní á fronte; Un día por diante, con Helena Soto, e Aberto por reformas, de Xurxo Souto, que afrontan con éxito a competencia nas súas franxas horarias.

No caso do espazo cultural salienta o feito de que unha oferta desas características acade un 31% da audiencia na sobremesa. Segundo Costas, o equipo directivo pode planificar as estratexias de programación, pero son os profesionais do medio os que conseguen que a audiencia sexa fiel aos seus espazos.

Nos datos de audiencia acumulada media das últimas tres medicións, a Galega obtivo 194.000 ouvintes, un 9% superior á anterior. Porén, na medición de luns a domingo, foron 166.000 os seguidores da radio autonómica, un 2,3% menos ca no anterior exercicio. Con respecto á última oleada do 2006, correspondente ao outono, a emisora perdeu 5.000 ouvintes de luns a venres e 11.000 de luns a domingo.


4.33/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: