Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ORGANIZADO POLO CENTRO DE ESTUDOS GALEGOS DE BANGOR E STIRLING

Nace Galicia 21, unha publicación de estudos galegos no Reino Unido

Craig Patterson, da Universidade de Stirling, e Helena Miguélez-Carballeira, da Universidade de Bangor, anuncian a publicación do novo xornal dixital Galicia 21. Non hai na actualidade outra publicación centrada exclusivamente nos estudos galegos nun país anglosaxón, dende a desaparición do Galicia Review de Birmingham.

- 18:04 21/02/2007
Tags:

Este xornal electrónico achegarase aos temas de interese e actualidade no campo dos Estudos Galegos. Alentará o debate sobre esta disciplina de cara ás conexións con outras abordaxes teóricas. O comité editorial está integrado polo estudantado de dez universidades europeas e dos EUA. A publicación terá periodicidade anual e poderá ser consultada de balde na rede. Acolleranse achegas de calquera campo disciplinar relacionadas coa lingua galega, dende a sociolingüística até a historia cultural, dende os estudos da tradución até a filosofía, do márquetin á historiografía, do postcolonialismo aos estudos de xénero... O seu contido reunirá sete artigos, cinco críticas de libros e un ensaio dun escritor convidado. No outono do 2008 aparecerá o primeiro. Para enviar as contribucións, que poden ser tanto en inglés como en galego, pódense empregar estes enderezos: o do Doutor Craig Patterson (craig.patterson@stir.ac.uk, e o da Doutora Helena Miguélez-Carballeira, h.m.carballeira@bangor.ac.uk).

Participan, como asesores editoriais, Carmen Fernández Pérez-Sanjulián e Carlos Paulo Martínez Pereiro, da Universidade da Coruña, Helena González, da Universidade de Barcelona, María do Cebreiro Rábade Villar e Henrique Monteagudo, da USC, Anxo Lorenzo, Xose Manuel Dasilva e Olga Castro Vázquez, da Universidade de Vigo, David MacKenzie, de Cork, Kirsty Hooper, de Liverpool, Derek Flitter, de Exeter, Gabriel Rei-Doval, dende Wisconsin-Milwaukee, John Rutherford, de Oxford, e Attilio Castellucci, de Roma, e como crítica editorial, María Liñeira, do Queen's College (Universidade de Oxford). As propostas para críticas de libros débenselle enviar a ela, ao correo maria.linheira@queens.ox.ac.uk. En calquera caso, podemos coñecer en detalle as pautas para a publicación na propia páxina.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: