Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENTREVISTA CON GONZALO GÓMEZ FREIRE, DIRECTOR DE APORREA.ORG

"Non é Chávez o que explica o proceso revolucionario, senón ao revés; o proceso revolucionario explica a Chávez"

"Aporrea.org é un sitio web de divulgación de novas e opinión socio-política e cultural, identificado co proceso de transformación revolucionaria e democrática do noso país, Venezuela, cunha visión que se extrapola ao resto da humanidade". Con esta tarxeta de visita preséntase o portal venezolano Aporrea aos seus lectores. Trátase do medio de comunicación alternativo con máis audiencia do país, e dun dos que gozan de maior influencia en todos os ámbitos de Venezuela, tanto entre os seus adeptos coma entre os seus detractores. O seu director, Gonzalo Gómez Freire, fillo de emigrantes galegos, concedeulle esta semana unha entrevista a Vieiros, aproveitando unha visita a Galiza.

- 09:33 22/01/2007
Tags:

"Aínda que non é o meu oficio, a miña vida sempre estivo vencellada ao mundo da comunicación", confesa, "xa o meu pai colaborou no seu momento con asociacións culturais de emigrantes galegos, e mesmo tiña un programa de radio". A súa afección polo xornalismo fíxose máis visíbel logo de chegar á Universidade, cando se fixo cargo da revista Voz Socialista. Mais, o momento culminante foi co lanzamento de Aporrea. "Tralo golpe de Estado de 2002, xa durante o proceso bolivariano, un compañeiro enxeñeiro e mais eu impulsamos a creación de Aporrea, froito á súa vez da Asemblea Popular Revolucionaria, convocada polas clases populares como protesta a aquela ilegalidade". Naquel momento converteuse nunha "ferramenta dos movementos populares para crear unha fisura no barco do capitalismo", salienta.

Máis de 55 millóns de visitas
Aporrea conta cun número reducido de persoas traballando, que funcionan máis como administradores da información que como redactores. "Somos un medio limitado que serve de altofalante dos movementos populares, sindicais, campesiños, ... que non teñen collida noutros sitios", afirma o seu director. Mais tamén realizan reportaxes da rúa, das mobilizacións e, ultimamente, comezan a incorporar vídeos e outros contidos multimedia. "Adicámonos a recoller un debate democrático con opinións que van dende os que critican ao Goberno -e que nos consideran goberneiros- até os que son incondicionais da Administración, que nos din antichavistas". Gonzalo Gómez confesa orgulloso que, dende a súa fundación en maio de 2002, o xornal leva acumuladas máis de 55 millóns de visitas. Porén, sinala que "a difusión real non a coñecemos, mais é moito maior. Non hai que pensar só na consulta directa; hai fotocopias de artigos de Aporrea distribuídos por asociacións de todo o país e, ademais, todos os medios de Venezuela citan o xornal en multitude de ocasións". Por outro lado, periódicos como El Mensajero de Valencia (provincia de Carabobo), reservan dúas ou tres páxinas de cada un dos seus números a contidos de Aporrea.

Preguntado polo financiamento, confesa que o traballo é voluntario e militante: "Temos publicacións de información institucional -subvencionadas mais non supeditadas ao Goberno- e doazóns dos lectores, que se incrementan cando perciben que hai unha situación de confrontación ou de perigo de golpe de Estado".

Actualmente, o panorama radioeléctrico venezolano está condicionado polos medios de capital privado: tan só o 7% está reservada ao Estado e un 3%, aos medios alternativos, algo que lle preocupa a Gonzalo Gómez. "O problema actual ao que nos estamos a enfrontar no eido da comunicación é que as únicas emisoras que teñen cobertura nacional son privadas; por que unha familia con fins lucrativos pode ter unha televisión estatal, e unha organización como a Unión Nacional de Traballadores -á que pertence a gran maioría do pobo venezolano- non dispón deste instrumento?", reflexiona con acritude.

Situación política de Venezuela
Hugo Chávez é, sen dúbida, a cabeza máis visíbel do Goberno venezolano mais, quen ten tras el? Gonzalo é contundente: "Non é Chávez o que explica o proceso revolucionario, senón ao revés; o proceso revolucionario explica a Chávez". O director de Aporrea considera que os dirixentes reciben sinais, mais é o pobo quen empurra dende abaixo, "porque o Goberno tamén ten presións da dereita, do Imperialismo; o pobo ten que acompañalo na dirección correcta".

Respecto á oposición, tamén se mostra implacábel: "A dereita tentou derrubar o Goberno por tres veces -golpe de Estado do 11 de abril do 2002, sabotaxe petroleira e referéndum revocatorio-, e aínda hai sectores dentro deste -cos que eu non concordo- que fan unha política de non acurralalos, de deixarlles espazos, buscando a conciliación. Esta actitude levou a que en Venezuela se crease un clima irritante de impunidade". Para o futuro vaticina que os "fascistas" e "golpistas" buscarán formas máis "sibilinas" e "soterradas" para derrubar o Goberno mediante a "penetración" neste, usando os instrumentos que aínda lles quedan dentro do aparello do Estado.

Camiñando cara o socialismo
"Unha revolución que se conxela e non avanza, derrúbase; e se non se avanza cara o socialismo, e a esquerda se desencanta, a dereita sacará proveito disto", prognostica o director de Aporrea. Aínda así, advirte de que cómpre medir a correlación de forzas: "un non pode ir a unha confrontación que non pode gañar, e se non podes gañar tes que crear as condicións para podelo facer -con formación política, educativa, con medidas transicionais que se aproximen, ..."

Por último advirte dos que, como dicía o Che Guevara, o que buscan é unha "caricatura da Revolución". "Independentemente da diversidade de ideas que recolle Aporrea, eu estou coa corrente sindical, clasista, unitaria, revolucionaria, autónoma, da Unión Nacional de Traballadores; nós cremos no socialismo sen propiedade privada, cambiando a correlación de forzas da propiedade capitalista, sen patróns, sen burócratas, sen corruptos, sen transnacionais e coa democracia dos traballadores, a democracia popular en funcionamento. Se non é isto, non é socialismo". Gonzalo Gómez Freire, fillo de emigrantes galegos, director do xornal gañador do Premio Nacional de Xornalismo Alternativo no 2006, finaliza a súa conversa con Vieiros con outra advertencia: "En Venezuela, o péndulo, que agora vai cara a esquerda, está en continuo movemento".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: