Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INFORME DA SITUACIÓN DA MULLER NO MERCADO DE TRABALLO GALEGO

Un estudo de Traballo amosa que as mulleres cobran un 27% menos cós homes

O informe da situación da muller no mercado laboral galego, presentado pola Consellería de Traballo, reflicte que as mulleres seguen a estar nunha clara posición de desigualdade con respecto aos homes. Segundo os datos do estudo, as traballadoras cobran só 73 euros por cada 100 que recibe un traballador. Ademais, aínda que os contratos asinados por mulleres no ano 2005 foron o 45% do total, o 30% deles foron a tempo parcial, o triplo ca no caso dos homes.

- 18:37 12/12/2006
Tags:

O documento, que foi elaborado polo Instituto Galego das Cualificacións, amosa que as traballadoras acceden a categorías profesionais máis baixas, con retribucións inferiores e contratos precarios. Por se isto fora pouco, as desigualdades de xénero nos soldos medran a medida que aumenta a categoría laboral: as directivas só cobran o 68,5% dos seus homólogos varóns. As mulleres tamén teñen que afrontar unha taxa de desemprego moito máis elevada: 20% de paro feminino fronte ao 9,6 masculino, unha situación de desigualdade peor ca a que se dá a nivel estatal. E todo isto a pesares de que o 50,2% da poboación en idade de traballar son mulleres.

Na presentación dos resultados, o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, explicou que un dos motivos polos que as mulleres non se están a incorporar ao mundo laboral é o feito de que hai moitas que non se animan polas escasas e pouco atractivas oportunidades que se lles presentan. Malia isto, a consellaría ten presentes as metas fixadas polo Cumio de Lisboa da Unión Europea do ano 2000, que aspira a acadar unha taxa de emprego do 70% para a poboación en xeral e do 60% para as mulleres en particular de cara ao ano 2010. Ese é un dos obxectivos da Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galiza, que se está a debater no Parlamento. Así mesmo, os orzamentos da consellaría para vindeiro ano inclúen un total de 138 millóns de euros para superar a discriminación laboral feminina.


0/5 (0 votos)