Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
[CICLISMO]

A Vuelta 2007 sairá desde Vigo

A Vuelta Ciclista a España do 2007 terá a Vigo como cidade de saída. Ademais da etapa prólogo que se desenvolverá integramente na cidade olívica, Galiza acollerá dúas tiradas máis. Así o anunciou este martes en rolda de prensa o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, quen asegurou que "a saída da Vuelta significará unha importantísima promoción de Galiza para todo o Estado". O director tamén lembrou a "boa dispoñibilidade" manifestada por Unipublic, a empresa organizadora, para incluír a participación do Karpin Galiza nesta edición.

- 17:36 12/09/2006
Tags:

Vigo acollerá a tirada prólogo da próxima edición da Vuelta a España. Así o anunciou na mañá do martes o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez. A Vuelta de 2007 terá ademais da saída (Vigo-Vigo), outros dúas tiradas por territorio galego. "Será en decembro cando Unipublic dea a coñecer todo o percorrido, pero podemos adiantar que xa temos pechadas dúas tiradas máis en Galiza. A intención da dirección é cubrir, cando menos, tres das catro provincias galegas, aínda que iso dependerá fundamentalmente das condicións técnicas e dos perfís do percorrido que impoña a organización".

En referencia á elección de Vigo como sede da saída, Domínguez asegurou que "tiñamos que garantir que fose unha cidade grande, con capacidade hoteleira, e dotada dos servizos e das comunicacións que se precisan para albergar a saída desta importante competición". O director xeral lembrou que a saída dende Vigo carrexará "unha importante promoción para a cidade e para toda Galiza", ademais de traer a Vigo a máis de tres mil persoas durante máis dunha semana.

Na elección de Vigo analizouse o histórico de saídas da proba ciclista en Galiza, que no ano 82 partiu de Santiago de Compostela, e no 89 e 93 desde A Coruña. Ademais, tívose en conta que os dous grandes ciclistas galegos do momento (Óscar Pereiro e Marcos Serrano) pertencen ao entorno de Vigo así como Álvaro Pino, director do Karpin Galicia, equipo que ten a súa sede na cidade olívica.

Segundo Domínguez, "queremos que esta sexa unha homenaxe ao ciclismo galego, que vivirá a saída da Vuelta despois de 14 anos. Supón un importantísimo esforzo económico para a Consellaría de Cultura e Deporte. Málaga, que deu a saída este ano, investiu un millón de euros, e o noso investimento será un pouco maior". O director xeral tamén incidiu en que un dos obxectivos é que "este esforzo redunde no noso ciclismo de base e en todos os clubs que levan anos traballando para facer deste soño unha realidade. Estamos traballando na organización dun acto paralelo á saída no que participen os ciclistas das categorías inferiores dos clubs galegos".

En relación á participación do Karpin Galicia na Vuelta, o director xeral lembrou a "boa dispoñibilidade manifestada por Unipublic" para incluír a participación do equipo profesional galego.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: