Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
ENTREVISTA

Carmela Gil: "Por veces, as fotografías máis íntimas están feitas cunha cámara anódina"

Cunha cámara pendurada no colo, Carmela Gil, coruñesa de berce, pasea por Barcelona buscando historias que retratar. Esta muller, que soña tanto en cor coma en branco e negro, os dous estilos da súa fotografía retocada, prepara dúas exposicións para este mes: Secretos de luna menguante no Ateneu Popular de Nou Barris e Areafemia na Biblioteca Bonnemaison. Traballos cunha fonda pegada dunha filla do baby boom que deixou o surf cando as praias estaban ateigadas de xente para perderse na neve sobre unha táboa de snowboard. Agora camiña, a vida é camiño, pola cidade condal fitándoa a través dun obxectivo. Unha entrevista de Iolanda Martínez.

- 08:00 10/03/2006
Tags:

Xogas coa técnica nas túas fotografías. ¿Que parte de importancia ten a cámara?
A cámara utilízoa como mecanismo de captura. No traballo Areafemia disparei un pouco á instantánea, non buscaba o formalismo. Tiña pensado de antemán facer montaxe e non me preocupaba onde remataba o encadre. O setenta por cento do traballo é no ordenador e na composición. Dáme a liberdade que antes se tiña no cuarto escuro co revelado. Eu fágoo coas ferramentas que teño agora.

Foto analóxica ou dixital?
Unha cousa é a fotografía analóxica pura que tiras e logo amplías. Cando traballas no laboratorio estás manipulando e escollendo o resultado que queres. As fotos de Areafemia están feitas en analóxico. A da surfeira, por exemplo, cunha cámara de usar e tirar, está tomada dende a auga. Agora dixitalízanche o material nun momento. Penso que esta discusión é como a polémica entre pintura e fotografía no seu tempo. Ao fin e ao cabo ti tes na cabeza a imaxe que queres e chegas a ela. Para min tamén é unha cuestión económica. Non podería facer fotos cada día se tivese que pagar os carretes, revelados… Participei nun curso dunha revista onde me prestaron unha cámara panorámica analóxica. Cando a devolvín, pensei que con 35 mm xa non podía facer nada, e decidín facer panorámicas.

Que é para ti unha boa fotografía?
Aquela que che conta unha historia máis alá do que está vendo o teu ollo. Unha historia calquera, mesmo non ten por que ser dunha persoa. Aínda que tiro moito pola fotografía documental aprecio a arte estética de Chema Madoz.

O fin da túa fotografía é contar historias?
Contar historias de persoas ou non, para outros ou para min mesma. Son como apuntamentos de memoria. Non fago fotografías para gardar. Disparo porque algo me impulsa a iso. Aínda que perda o carrete e nunca a vexa revelada, esa fotografía permanece na memoria.

Contas entre as túas influencias a Sebastião Salgado? Sebastião Salgado foi crucial na miña carreira de fotógrafa. Un día saín da cafetería da facultade de enxeñería técnica en Lugo e quedei abraiada cunha exposición dos sen terra de Sebastião Salgado. Pregunteime que facía eu alí, se onde quería estar era aló, facendo o que facía el. Tamén me influenciou Diane Arbus. Expón agora no Caixa Fòrum. A ela coñecina logo de estudar fotografía. Na facultade de enxeñería estaba moi especializada na técnica e só coñecía os clásicos: Cartier Bresson, o luso Vari Caramés. Para min había iso e logo as fotografías que todos temos na casa.

Hai unha fronteira entre a fotografía profesional e a caseira?
Penso que as mellores fotografías son as que falan de diarios íntimos: por exemplo os traballos de Diane Arbus, quen sempre leva a cámara enriba.

Ti lévala sempre enriba?
Inténtoo. A cámara analóxica que tiña antes era moito máis aparatosa e non a podía levar sempre comigo. Coa dixital compacta é máis doado.

Cal foi a túa primeira cámara?
Merqueina co finiquito do meu traballo en Candanchú. Pagueina ao contado aló polo ano 2000. Iso si, sen contar a cámara que me regalaron na primeira comuñón e un par delas que lle avariei ao meu pai coa area da praia

Como realizas as fotos acuáticas?
Teño varias cámaras de usar e tirar. O material é moi caro. Por veces, as fotos máis íntimas están feitas cunha cámara anódina. Hai traballos con polaroid marabillosos. Aínda que a calidade dunha boa cámara tamén é unha marabilla.

Cal é o teu equipo fotográfico arestora?
Un ordenador obsoleto de 20 Gb, un disco duro de outros 20 Gb, que utilizo de almacén e copia de seguridade, e unha cámara Olympus de 4 megapíxeles. Deixeime asesorar. Coma calquera persoa estaba entre Nikon e Canon e movíame en función dun orzamento. Escollín esta cámara polos accesorios: a zapata e un bo zoom analóxico de 10x1.

Gústache poñerte diante da cámara ou só detrás?
Prefiro estar detrás, é o que escollín. Teño traballos de autorretrato pero son para min, para a miña comunicación coa cámara.

En que idioma escribes os pés de foto?
Só lle puxen texto a dous traballos: Areafemia e un traballo da escola de fotografía a partir dun poema de Lorca que aproveitei para unha exposición do Centre de Fotografía Documental de Barcelona. Areafemia está en galego pola súa temática. Tiña que ser en galego por tratar a muller galega no mar.

Por que deixaches a carreira de enxeñería técnica?
Decepcionoume o sistema universitario. Escollín unha carreira de tres anos e cinco despois aínda estaba alí. Son do último ano do baby boom e notei o de ser moita xente en todo. Cando aprobei as matemáticas había 1.050 matriculados en Lugo nesa materia. Daquela, ademais, estaba a certeza de que todos tiñamos que ser universitarios. A min o que me gusta é estar na rúa tirando fotografías, un traballo de prensa… Deixei a carreira pero logo tamén traballei no retén de incendios de Huesca e na vendima da Ribeira Sacra, que foi unha experiencia marabillosa.

Podes escoller entre as túas fotografías a mellor?
Si. A fotografía da Linda e a Marquesa. É unha fotografía que tirei en Ourense, na vila do meu pai, a un par de vacas do país remoendo en primeirísimo plano. É unha fotografía en branco e negro. Realiceina hai tres anos coa segunda cámara analóxica que merquei, cando xa estaba a estudar fotografía.

Cal é a túa primeira fotografía boa?
O primeiro ano na universidade, un amigo prestoume a súa cámara e cun carrete en branco e negro fun tirando fotografías pola cidade de Lugo. Fixen unha fotografía dun peitoril de cinco boinas que causou sensación na miña residencia de estudantes. A min xa me encantara pero ao ver as reaccións, consolidouse. Xa non teño esa fotografía.

Que importancia lle confires á túa primeira exposición individual?
Para min foi máis importante a colectiva 8 Contactos, no Centre de Fotografía Documental de Barcelona en novembro de 2004, polo traballo que supuxo. Dividimos o espazo en dous bloques: documental e íntimo. O meu era íntimo. Aínda que me gusta moito o documental, e teño varios documentais, logo o traballo que fago é moito máis artístico. Quizais sen querer. A exposición colectiva Mediterranean Art no Centro Cultural del Matadero en Huesca en abril de 2002 foi tamén moi interesante para min porque coñecín xente. Tratábase dun encontro de artistas novos do Mediterráneo. Os españois fixemos de anfitrións dos turcos, gregos, tunesinos, marroquís…

Existe unha fotografía de muller?
Si, si, si. Penso que hai unha fotografía de cada persoa, do mesmo xeito que hai unha fotografía, como calquera arte, de muller e outra de home. Hai uns matices, unha óptica diferente. No Ateneu Popular de Nou Barris montamos unha exposición oito mulleres co tema do nu shu, a linguaxe chinesa inventada polas mulleres para poder transmitirlle coñecemento feminino ás súas fillas. Escribían nos bordados das colchas as cartas para as súas fillas cando as entregaban en matrimonio. Queriamos tomar os nu shus, xa desaparecidos tras a morte da última muller que os coñecía, como unha linguaxe privada de mulleres para mulleres. Xuntámonos tres galegas, tres catalanas e dúas italianas e titulamos o traballo Secretos de luna menguante. Ademais de fotografías, hai traballo con resinas e con obxectos (unha caixa de luz…). Traballamos coa idea dunha exposición de mulleres que falamos na linguaxe das mulleres.

Viviches en Huesca antes de vires a Barcelona, por que marchaches de Galiza?
Deixei a carreira e marchei para Islandia a traballar uns meses. Quería vivir na neve. Facía uns anos que facía snow (do surf pasara o snow). O meu mellor amigo vivía en Reykjavik dende había uns anos e fun para alí. Volvín porque fora un tempo de visita. E escollín Huesca pola neve. Vivindo en Candanchú namoreime da montaña e da neve. En Galiza coñecía o monte pero non a montaña. Non descarto volver para Islandia algún día.

Italia, Londres , Islandia, Madrid, Perineo, Huesca... gústache viaxar?
A que galego non lle gusta? (sorriso). Pero os cartos non me permiten viaxar tanto como querería.

Viñeches a Barcelona pola fotografía?
Cando comecei fotografía fixen as probas para as escolas oficiais de Pamplona e Huesca. A escola de Huesca é das mellores de España pero a cidade non me acaba de convencer. A Barcelona animáronme a vir tres amigas que viñan tamén. Unha delas a facer fotografía. Consultei un traslado de expediente para Barcelona e concedéronmo. Ademais déronme unha bolsa polas miñas boas notas en Huesca o primeiro ano. Xa coñecía Barcelona por motivos persoais e tampouco me fascinaba. Parecíame moi grande. Tiña medo de perderme, de descentrarme nos estudos de fotografía, que era o que facía daquela.

É doado establecer contactos nun eido con tanta competencia dende que apareceu a fotografía dixital?
Hai diferentes redes. No Centre de Fotografía Documental de Barcelona, coñecín todos os fotógrafos de prensa de Barcelona. Logo hai outros circuítos. Esta cidade é tan grande que hai redes alternativas que agardan a que lles presentes proxectos. Nou Barris é unha boa mostra.

Como ves a relación da fotografía cos medios de comunicación de hoxe en día?
É unha pregunta difícil. Hai fotografía de axencia non asinada que ves en todas partes e logo hai fotografía de autor de radical actualidade: mañá xa pasou. Logo hai outros traballos cunha óptica de fotografía máis de museo. Sebastião Salgado enche museos pero moitas das súas fotografías non llas publicarían en prensa.

Vives da fotografía?
Barcelona ofrece unha oferta incrible para formarte pero traballar é outra cousa. Actualmente trabállase de freelance e para iso é necesaria moita autonomía económica. Hai moita competencia.

Como escolles a temática dun traballo?
Moitos dos meus traballos viñéronme dados por propostas da escola de fotografía que aproveitei. Outros temas son meus. Agora estou a traballar en tres temas propios.

Soñas en cor ou en branco e negro?
En branco e negro e en cor, mesmo nun único soño están as dúas tonalidades.

As fotografías, en branco e negro ou en cor?
Depende. Son linguaxes diferentes. Ao principio, quizais por ignorancia pensaba que as fotos boas tiñan que ser en branco e negro, como se iso lle dése unha categoría.

Que opinas dos límites ao dereito da propia imaxe?
É difícil. Depende do momento, da intención, das circunstancias, do respecto con que o fagas. Joan Colom, un fotógrafo catalán que toma instantáneas do Raval dende 1990, ten fotografías magníficas: unha puta, un home rañándose de xeito natural os xenitais, un inmigrante… son moi íntimas, pero feitas cun grande respecto. Eu roubo fotografías, tamén pido permiso.

Tes algunha anécdota?
A policía mandoume borrar unha fotografía que lle fixera, pero non a borrei, fixen como que tal. Foi en Pardiñas, ían pola rúa de secreta e chamáronme a atención.

Segues practicando surf?
Comecei no 1989, con catorce anos. Daquela tiñamos que pelexar para xuntar a tres mozas e que nos fixeran unha categoría. Comecei antes do boom. Logo, nos noventa, paseime ao snow porque é máis agradecido que o surf, sobre todo en Galiza. A auga do mar está moi fría no Atlántico. Con dezaoito anos non o notaba tanto, pero con vintecinco xa era outra cousa. Agora non creo que entrase na mar no inverno. Na neve vas por onde queres, non tes que estar onde racha a onda. Agora en calquera praia con ondas hai setenta surfeiros e cada día semella unha competición. Fixen surf un día na Barceloneta para probar o Mediterráneo.

Falas do ritmo galego e do catalán, son moi distintos?
A diferenza na hora de luz é fundamental. Comprobado en avión. En Galiza, cando madrugaba ás oito e media, aínda era noite. Aquí ás sete xa é día. A primeira vez que saín aquí sorprendeume que na volta, ás sete, Barcelona xa estaba funcionando. Pola noite, en Galiza é normal quedar ás dez con alguén na súa casa. Aquí xa é tarde. Aquí todo é para onte. E a xente chega a tempo. Hai unha grande precisión horaria. Nestes tres anos aprendín moito da eficacia de Barcelona.

Adaptácheste?
Son hiperactiva pero tamén me sae a "modorra" galega. Quizais marche para as Baleares a facer cartos. Tanto me ten meterme nunha cociña ou vender nunha tenda. É ben certo que "Barcelona és bona si la bolsa sona". Nesta cidade hai moito que facer se tes cartos para gozala. Teño colegas en Berlín que me din que Barcelona é máis cara que Berlín. E aínda que se fagan cousas de balde, hai que saber delas e para iso hai que estar pola rúa. Co que o aspecto económico ten que estar arranxado para vivir.

Dixeches un refrán en catalán, fálalo?
Na escola de fotografía en xeral fálase catalán. Non tiven ningún problema para entendelo. Chapurreo frases, cando traballei no Decathlon moitos clientes falaban catalán e contestáballes como podía. Falo moi de presa. Por veces ata me custa falar galego. Teño que estar traducindo. Eu nacín na Coruña e a miña lingua nai é o castelán. Leo catalán. Colaboro coa produción e coordinación no Centre de Fotografía Documental de Barcelona e alí fago traducións de textos.

Autodesígnate
Miña nai di: Carmela é Carmela. Eu diría no camiño: surfeira, fotógrafa, enxeñeira técnica forestal… non ten moito que ver. Cando comecei a carreira cría que era iso o que quería facer. Logo presentáronse novas vías. Se hai unha meta nese camiño é expresar o que tes dentro e o que te relaciona co mundo.

Estás en contacto con galegos en Barcelona?
Si, falo máis galego aquí que na Coruña. Estiven na Plataforma Nunca Máis de Catalunya. Estou ligada ao Espazo Galego dos Països Cataláns. Non me meto de cheo na organización das asociacións pero si estou ao tanto das actividades e participo no que podo. Fago fotografías e achego os meus traballos fotográficos nos seus proxectos..

Algo que engadir?
Síntome emigrante de segunda. Estou moi anoxada por non poder votar nas eleccións galegas. Empadroeime en Huesca e agora en Barcelona por cuestións de paro, médico, zona verde... Teño unha curmá na Arxentina, que foi a Galiza unha vez de visita e vota. Entendo que se vivo en Barcelona teño aquí dereitos e deberes. Pero ninguén me preguntou se quería deixar de votar na Coruña. Quizais é un problema de distancia. Debín de quedar moi preto (mil quilómetros). Ao mellor tiña que ir máis lonxe, a Francia, alí si me deixarían votar en Galiza. Non pido a dobre nacionalidade para votar dúas veces, senón poder escoller onde votar. O padrón e o censo non deberían estar tan ligados nestes casos. Eu agora xa non sei se son catalana, se deixei de ser galega, ou que son.

E xa para rematar, fálanos do teu último proxecto. Ademais de en Nou Barris, expós a fins de mes na Biblioteca Bonnemaison
Si, o vinte e sete de marzo. No marco das Xornadas Muller e Galiza que organiza o Espazo Galego co gallo do día internacional da muller. Contactaron comigo por cuestións organizativas e aínda que non teño tempo para organizar, ofrecinlles o meu traballo de Areafemia, unha serie de catro fotografías que tratan a especial relación da muller galega e o mar. É un traballo que xa tiña preparado. É un proxecto de proxecto. Presentárao para obter financiamento para elaborar un libro-obra nesa mesma liña.

Pola miña condición de muller, galega, emigrante (cinco anos fóra)… quería botarlle unha ollada á situación das mulleres e Galiza. Fun facendo fotografías a unha ducia de mulleres e observei unha grande diferenza entre a costa e o interior, así que dividín o traballo en dúas series. Comecei por centrarme na costa, pero non na óptica que se espera da mariscadora, senón en algo diferente. Foi dous anos despois do Prestige. É un traballo un pouco cardinal. A primeira foto é a dunha muller que se embarca en intervalos no seu traballo na casa do mar co persoal embarcado. A segunda fotografía é Cristina Irisarre, a campioa de surf de Galiza do ano pasado. É unha muller que tamén gaña cartos co mar. Este traballo é unha conxunción de foto e texto, interésame falar, contar unha historia. A terceira fotografía é unha fareira. O sitio máis illa en relación co mar é un faro. E a última foto é María de Malpica, unha mestra de escola que fai xoias co que lle trae o mar. O punto artístico. É unha serie na que se ven mulleres traballando en eidos considerados masculinos. Logo de ofrecerlles aos organizadores das Xornadas Muller e Galiza, creron interesante que a Fundación Sotelo Blanco o coñecese, e esta entidade acábanos de confirmar que vai para adiante o proxecto. O autofinanciamento sempre é máis complicado. Penso que ten sentido expoñer este proxecto documental na Biblioteca Bonnemaison no marco destas xornadas. Conta historias reais. Está a cabalo entre o documental e o artístico, entre a trucaxe e a realidade. O 27 de marzo esperamos comezar a montaxe da exposición, a inauguración aínda será un pouco máis tarde.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: