Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MÁIS DE MIL PERSOAS ACODEN Á CHAMADA DA CIG CONTRA O RECURTE DOS DEREITOS LABORAIS

Galiza tamén se manifesta contra a Directiva Bolkestein

Máis de mil persoas manifestáronse este martes na Coruña, convocadas pola CIG, para rexeitar o "brutal recurte" dos dereitos laborais na UE, no caso de que se aproben a Directiva Bolkestein, a debate hoxe no Parlamento Europeo, e a Directiva para a Ordenación do Tempo de Traballo. Cos retrousos Non á Europa da precariedade, Non á Europa da desigualdade, a CIG rexistrou na Delegación do Goberno un escrito esixindo ao Goberno español o seu rexeitamento. A protesta reuniu a máis de 40.000 traballadores en Estrasburgo e nas principais capitais europeas.

- 10:02 15/02/2006
Tags:

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, proclamou na Coruña que este tipo de directivas nacen ao acubillo do Tratado de Constitución Europea, coa fin de "estender a precariedade no mercado laboral", e criticou as "contradiccións" de UXT e CCOO, presentes na manifestación global de Estrasburgo malia ter feito campaña polo si no referendo.

O Goberno español non rexeita

O escrito que entregaron hoxe os representantes da Confederación Europea de Sindicatos (CES) segue pendente dos resultados do debate que comeza este martes na Eurocámara.

De momento, España, Reino Unido, Países Baixos, Polonia, Hungría e República Checa enviaron á Comisión Europea unha carta en defensa desta normativa, feito que UXT calificou de "sorpresa desagradabel", anque retrucaron que os socialistas españois votarán no Parlamento Europeo "por unanimidade" en prol do cambio da directiva.

A Directiva Bolkestein regula a posibilidade de que calquera empresa de servicios dun país da UE poida arraizarse noutro Estado membro coas condicións laborais, fiscais e medioambientais do país de orixe. A eliminación, na práctica, das barreiras estatais á prestación de servizos.

O pacto entre socialistas e conservadores na Eurocámara replantexou a polémica cláusula do país de orixe, que no texto orixinal do ex comisario de Mercado Interior, Frits Bolkestein, permitía que os operadores activos en varios Estados membros estivesen suxeitos só pola lexislación do de residencia. A idea xenérica coa que hoxe se inicia o debate é "garantir a apertura dos mercados comunitarios sen descoidar os estándares de calidade dos países membros", pero o encaixe da proposta é radicalmente distinto segundo se trate de antigos e novos estados membros.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: