Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ORDE DE BUSCA, CAPTURA E EXTRADICIÓN CONTRA OS TRES MILITARES

A xustiza estadounidense nega o permiso para o interrogatorio aos presuntos asasinos de Couso

O departamento de Xustiza dos EUA denegou a petición da xustiza española de interrogar aos soldados implicados no asasinato en 2003 do cámara galego Xosé Couso. Así llo vén de notificar á familia a Audiencia Nacional. Doutro lado, contámoslles que o goberno británico ordeou a investigación da tunda que soldados ingleses lle deron a un grupo de rapaces iraquís, despois de que se fixese público un vídeo que documenta o acontecido, e que este luns chega noticia do primeiro detido.

- 13:09 13/02/2006
Tags:

O sarxento Thomas Gibson, o capitán Philip Wolford e o tenente coronel Philip de Camp, da Terceira División de Infantería Acorazada do exército dos Estados Unidos, non terán que responder ás preguntas da xustiza pola súa responsabilidade das mortes en 2003 do cámara de televisión ferrolán Xosé Couso e o cámara ucraíno Taras Protsyuk, provocadas polo disparo do tanque ao cargo do que estaban contra o Hotel Palestina, aloxamento por aqueles días da prensa internacional en Bagdad.

A xustiza dos EUA responde así negativamente á comisión rogatoria que lle enviara o xulgado número 1 da Audiencia Nacional, onde lle pedía autorización para tomarlle declaración en territorio estadounidense aos tres soldados. Na súa resposta, reiteran a versión oficial do goberno Bush usada deica agora para evitar dar contas do acontencido, insistindo en que o disparo se realizou "en resposta a fogo inimigo". A familia considera que se incumpre así claramente o Tratado de Asistencia Xudicial en Materia Penal, e subliñan que queda xustificada a emisión dunha orde internacional de busca e captura asinada polo xuíz Santiago Pedraz, decidida o pasado mes de outubro.

Abren unha investigación sobre a malleira de soldados ingleses a mozos iraquís
Contámoslles ademais dun novo caso de agresión protagonizada por militares británicos en territorio iraquí. Lembrámoslles que tres soldados ingleses xa foran levados ao cárcere por agresións a un cidadán iraquí nun campo de refuxiados de Basora en 2003. Ademais, outros sete militares foron absoltos hai pouco doutro escuro caso que rematara coa morte dun cidadán daquel país.

"Si, pequenos cabróns, morrede", escóitaselle comentar entre risos ao cabo do exército británico presunto autor da gravación do momento no que varios dos seus compañeiros militares amarraban a catro mozos iraquís e lles daban unha malleira. Foron ducias de golpes por minuto aos rapaces que os soldados capturaron logo de que estes lles guindasen pedras. O goberno inglés, que cualificou de "brutais" as imaxes reveladas esta fin de semana pola publicación News of the World, ordeou abrir unha investigación sobre o acontecido.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: