Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A PARTIR DESTE LUNS

"Con todos, para ti": a Radio Galega estrea programación

O cambio nos medios de comunicación públicos vaise notando medio ano despois do cambio político en Galiza. Mentres a renovación da grella da TVG se vai ir facendo de maneira paulatina, na Radio Galega estrean hoxe programación por todo o alto. Despídense programas históricos como O miradoiro ou As tardes da Galega para darlle paso a novos magacíns capitaneados por Xusto López Carril polas mañás ou Amelia García polas tardes, nun exercicio de recuperar voces veteranas que nos últimos anos estiveran apartadas da primeira liña radiofónica. Tamén regresa a tertulia política Ao final do día con Tino Santiago, e a atención ao público máis novo e urbán, as fins de semana con Extra-Radio, e os programas especializados sobre cine, música, natureza ou a caza e pesca. Outro dos locutores máis veteranos e peculiares da emisora pública, Luis Rial, logo duns meses apartado das festas e romerías volve cun programa os venres pola noite chamado A hora golfa de Luís Rial.

- 10:21 09/01/2006
Tags:

"Unha programación variada, dinámica pensada para todos os oíntes galegos e que contará con grandes profesionais e locutores cunha ampla experiencia nas ondas". Así é como se presenta a nova programación da Radio Galega, que comeza este luns e que se presentará oficialmente este xoves cun acto no MARCO de Vigo, nun intento de achegarse "á poboación urbana de todas as cidades", segundo explicou o seu director de progamación, Xurxo Souto.

De luns a venres a gran aposta para a franxa da mañá será o magazine Un día por diante, dirixido e presentado por Xusto López Carril; un encontro diario coa actualidade e entretemento sen esquecer a opinión e o humor. Pola súa banda, Amelia García será a encargada de conducir As quimbambas, o espazo de actualidade para as tardes da Radio Galega. A música será a protagonista da franxa da noite cos programas Estudio tres, de Ricardo Alonso e Deriva atlántica con Pepe Carreira. Ademais, o veterano e peculiar locutor Luís Rial regresa a Radio Galega os venres pola noite con A hora golfa con Luís Rial, un programa en clave de humor que viaxará por todos os recunchos de Galicia; e tamén esa mesma noite Mª Xosé Rivero acompañará aos oíntes co seu programa Quedamos na galega.

Na fin de semana, os nenos continúan co seu programa infantil Plis Plas, haberá tempo para os máis novos co programa Extra-radio, e para os especializados; deste xeito falarase de caza e pesca con Ríos e Montes conducido por Miguel Piñeiro; os oíntes descubrirán a natureza e as nosas paisaxes co programa A bubela presentado por María Solar; o cine estará tamén moi presente da man de Óscar Losada, os melómanos gozarán con Clásicos na sobremesa de Pablo Sampedro e a paixón pola literatura espertará con A casa do vagabundo, con Ribadulla Corcón; as locutoras Mª Xosé Rodríguez e Mª Xosé Rivero serán as encargadas de conducir a noite do sábado da Radio Galega con senllos programas Máis berberechos e Quedamos na galega.

Informativos
A información vai ser protagonista na programación da Radio Galega, co afán de converter a emisora pública nun elemento de referencia para calquera galego que desexe estar puntualmente informado do que ocorre no seu país. Aos espazos de noticias e entrevistas sumaranse nesta nova andaina programas nos que se analizará a actualidade e se ofrecerán claves para entendela. Ademais, reforzaranse as tertulias e incluiranse debates para cumprir o obxectivo de abrir a radio a todos os sectores sociais e a todas as opinións.

A novidade na programación será O final do día, programa que conducirá Tino Santiago de luns a venres entre as 9 e as 11 da noite. Alberto Ordóñez coordinará Galicia Primeira Hora, que arrincará todos os días ás 7 da mañá. Nuria López será a encargada de dirixir Crónica das dúas e Rocío González presentará ao serán Crónica das oito.

Deportes
O servizo de deportes tamén ofertará novos programas. Ademais de Galicia en goles, que continuará ocupándose da xornada de fútbol en directo, a nova aposta será Caneando, un espazo que ofrecerá cada día un resumo dos acontecementos deportivos máis salientables con entrevistas e testemuñas dos principais protagonistas. O mundo do motor, desde a competición, pasando polos aspectos comerciais ata a educación vial, tamén terá un oco especial na Radio Galega os domingos pola mañá.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: