Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Cartafol

Xestionado por Héitor Mera
RSS de Cartafol
Fernando Cerezales: As murallas de Bérxida

Arredor do mito do Medulio

As murallas de Bérxida
Fernando Cerezales
Edicións Positivas, Santiago, 2004. 166 páxs., 7 €


Fernando Cerezales, escritor do Bierzo, escribiu esta noveliña en castelán. Agora a editorial Positivas preséntanos a versión en galego. O argumento xira arredor de dous feitos principais, un histórico e outro –de momento- mítico: a segunda invasión romana na Gallaecia e a resistencia épica do monte Medulio son estes feitos que se nos presentan con irregular sorte.

- 10:35 19/11/2004
Tags:

A tribo bolxia que está asentada no castro do monte Bérxida vese abafada pola presión das lexións romanas que os asedian co obxectivo de aniquilalos. Despois de varias incursións, onde a defensa épica das murallas ten éxito desigual para a tribo galaico–astur, os responsables da defensa vense obrigados a elixir a uns poucos guerreiros que planearan unha fuxida do castro levando consigo nenos e adolescentes que perpetúen a estirpe ante a inminente derrota que se aveciñaba. Esta fuxida lévaos a toparse cos ártabros que os acolleran e esperarán acontecementos perante a desgracia da tribo irmán. Ao abeiro dos ártabros, estes representantes da tribo caída vivirán unha serie de experiencias que os levarán ata as intrigas finais onde se verá a relación entre eles e os romanos dende un punto de vista que vai máis alá do puramente militar.

A novela pretende achegar ao lector cara a traxedia destes nosos afastados devanceiros ambientando o mundo castrexo nun momento fundamental da historia desta cultura milenaria: a supervivencia ou non ante a romanización. A belixerancia cruel das tropas de Augusto, a colonización cultural, económica e lingüística da gran urbe e o mundo castrexo como elemento identitario dun xeito de vida, son as virtudes máis salientables desta noveliña que, cun comezo moi épico, vibrante e emotivo non se deixa levar por este dinamismo ao longo do corpo da obra. Independentemente dunha serie de acertos ambientadores daquel contorno peculiar, tanto dende o punto de vista dos atacantes coma dos resistentes, a novela non está o suficientemente elaborada como para dicir que estamos perante un produto de calidade. Máis ben todo o contrario. Con ser unha estrutura externa pensada para unha sinxela liña argumental sen saltos temporais bruscos, nin excelencias técnicas que marabillen ou sorprendan a ninguén, aquela máxima de que ás veces as cousas máis sinxelas son as que resultan, non se cumpre con As murallas de Bérxida.

Unha vez que a expedición acaba as batallas iniciais –que se nos antollan o mellor da novela- o libro tórnase aburrido e ñoño. Ademais, e pensando ben, o estilo vese prexudicado por unha tradución dunha calidade bastante mediocre. Dende "rebuznancias" tales como a que vemos na páxina 11: "Era unha engrenaxe ben engraxada a das hostes de Octavio." , ata maltratar o verbo ocorrer transformándoo en "ocurrer" nas súas máis variadas e fantásticas, á par que inventadas conxugacións, pasando polo absoluto descoñecemento do que é un infinitivo conxugado, non é de estrañar que o responsable de tal despropósito non se dea a coñecer e no libro non teñamos constancia do tradutor que con tanta eficacia estragou o que, se cadra, podería ser aproveitado da novela. Se non fose polo interese mesmo da época e os acontecementos históricos que trata, o fracaso sería absoluto. Visto o visto deixémolo en case absoluto.


mércao en Andel


5/5 (2 votos)