Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
ENTREVISTA AO PRESIDENTE DA REAL ACADEMIA GALEGA

Xosé Ramón Barreiro: "Se tivésemos un Beckham que falase galego, cambiaría a situación en 15 días"

O pasado día 28 de xuño, 68 anos despois da aprobación do Estatuto do 36, inaugurouse no vestíbulo do edificio histórico da Universitat de Barcelona a exposición 'O sorriso de Daniel', organizada polo Consello da Cultura Galega e dedicada a amosar a realidade actual e histórica de Galiza. Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya (ERGaC) entrevistou alí o señor Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia da Lingua Galega. A entrevista emitiuse nos programas radiofónicos que ERGaC realiza en Cataluña e está tamén publicada no boletín que mensualmente edita, A Micro Pechado. Por Suso Mon e Eduard del Castillo.

- 10:27 29/07/2004
Tags:

Suso Mon / Eduard del Castillo: Cóntenos como está o proceso de estandarización do galego despois dun ano da aprobación da nova normativa.
Xosé Ramón Barreiro
: Ben, porque hai que ter en conta que cando intentamos facer esta reforma, a situación do galego, sobre todo no galego do ensino que é onde estaba o problema, estaba dividida en tres grupos. Había un grupo que seguía a norma vixente. Un segundo grupo que aceptaba a norma na súa maior parte pero logo tiña, para algunhas cuestións, lexítimas discrepancias. Logo hai un terceiro grupo que non acepta as normas, que é un grupo máis próximo ao lusismo. A RAG non podía seguir mantendo esta situación, por iso a primeira cousa que fixen cando fun nomeado presidente da Academia foi dicirlles aos membros, antes de que me votasen, que eu ía reabrir o tema e foi reaberto o tema. Pero foi reaberto dunha maneira que é como eu creo que hai que facer as cousas: constituíndo una comisión dentro da propia Academia formada ademais por representantes das tres Facultades de Filoloxía das tres Universidades galegas, máis un representante do ILGA. Xuntos estudaron e discutiron todos os temas e xuntos presentaron un resultado e a RAG aceptou.
Aí terminaba a fase administrativa e comezaba aplicación da norma. E o que tivemos que facer de inmediato foi publicar a norma que tivo un éxito asombroso, o cal é síntoma de que as normas penetran no tecido social. Non tiven ningunha resistencia ou non me consta que me chegase ningún escrito de resistencia ao que nós decretamos entón. Hei de pensar, por conseguinte, que a situación se está normalizando no ensino, que era a parte máis sensible. Teño que dicir tamén que foi moi satisfactorio para min recibir un comunicado oficial do Consello Nacional do BNG no que se dicía que acataban a norma.

Nós temos a sensación de que aquí en Cataluña a xente que cambiou ao castelán fíxoo ou ben para entenderse coa xente castelanfalante que viña ou ben para ascender a unha posición social máis alta, pero entre o mesmo grupo de catalanfalantes non se deu tanto coma entre os galegofalantes en Galiza, entre o grupo. Como ve vostede a situación?
Hai que mellorala, naturalmente. Nós estamos neste intre moi preocupados por como se fala o galego na televisión. Aínda que hai grupos e persoas que o fan moi ben. Cónstanos que hai un servizo técnico para habituar a falar ben o galego, tanto sintacticamente coma foneticamente, que está traballando dentro da Xunta e outro dentro da TVG. O que sucede é que moitas das persoas que dan a cara na TVG fano por outros motivos, como ter esteticamente unha determinada presenza, e non se lles esixe tanto o dominio do idioma galego. Esa é unha cuestión que igual pasa nos medios de comunicación radiofónicos, onde se notan tamén déficits notables. Sempre que entramos na propiedade privada temos que andar con cautela, pero cos medios de comunicación oficiais non.

O peor que pode pasar, de feito, é que o sigan facendo en castelán...
Nós estamos para que o estatus do castelán ao galego se verifique rápido e en proporcións cada vez maiores e polo bo uso da lingua, que son dúas cousas distintas. Nós mandámoslles a todos os directores de periódicos e medios de comunicación un estadillo sobre a saúde do galego no seu medio de comunicación, onde estudabamos desde hai dez anos ata hoxe cales son as porcentaxes de utilización do galego dentro de cada xornal, de cada revista, de cada medio de comunicación. E por conseguinte solicitándolle que, polo menos, o dez por cento da información diaria vaia en galego. A recepción e a resposta é moi variada. Hai medios de comunicación nos que subiu o uso do galego e outros nos que mesmo baixou. Pero repito, nos medios de comunicación privados a nosa posibilidade é de pregar, de solicitar, pero non se pode impór.

No que fai ao uso social do galego, hai pouco a RAG publicou o estudo sobre o uso da lingua na xuventude onde parece ser que a mocidade lle dá ás costas ao galego...
Nas cidades! Temos que matizar. Eu visito moito a zona rural e as vilas e na zona rural o 100% fala galego, maiores ou pequenos. Nas vilas practicamente o 100%. O problema témolo nas cidades e alí hai que distinguir tamén. Temos que distinguir o día a día, o que falan os rapaces cando van ao colexio ou ao instituto. Naqueles institutos que están nos arrabaldos o uso do galego é moi superior a aqueles outros que están no centro da cidade. O que é terrorífico e cae en picado é a media da festa, do que falan os rapaces os venres, sábados e domingos. Isto é a gran preocupación. Onde aqueles que incluso no instituto falan entre eles galego, para conquistar as rapazas pensan que teñen que cambiar de lingua para pasar a outro estatus. Nós podemos constatar o tema. Que podemos facer? Cando mo preguntan sempre aludo ás responsabilidades colectivas dos medios de comunicación. Se os medios de comunicación torpedeasen isto, estivesen continuamente falando do tema, posiblemente algo iría cambiando. O outro día dicíao en broma, se en Galiza tivésemos un Beckham que falase en galego, asegúrovos que isto desaparecía en quince días. Hai mecanismos sociais de moi diversa consideración e a RAG pode entendelos, interpretalos, pero contra os que nada podemos, ou moi pouco.

De todos os xeitos, o modelo de ensino e de sociedade, por exemplo no caso catalán, teñen feito que a xente nova non deixe a lingua propia cando se move noutros entornos sociais...
En Mallorca, por exemplo, hai moita presión social. No caso de Galiza a presión social non existe. O profesorado cumpre coa normativa pero tampouco vai máis alá. Entón hai como unha brandura... Aí falla a familia. A familia era onde se reproducía o sistema tradicional da fala e dos valores da familia. Falla o contexto lúdico; hai sectores de rapaces, cando vai xogar un partido o Deportivo co Celta, que afortunadamente son os que máis ruído fan, que asumiron o da galeguidade, pero soamente no fútbol. Noutras expresións deportivas e lúdicas iso non existe.

Que lle queda por facer a Xosé Ramón Barreiro como presidente da Real Academia Galega?
Tantas cousas...! Neste momento acabamos de redactar un novo dicionario castelán-galego de 50.000 entradas que sae agora e unha nova edición do diccionario galego castelán. Pero agora teño un proxecto que vos digo en primicia. Dentro de dous ou tres días vou falar co presidente do Instituto Cervantes, foi el quen o solicitou, nunha nova concepción do Instituto que non tiña Jon Juaristi nin moito menos, unha concepción de diálogo coas culturas distintas que hai en España. Unha das cousas que lle vou pedir é que de dez, quince ou vinte grandes escritores galegos, fagamos traducións masivas, non luxosas, masivas, a practicamente todos os idiomas de Europa. E incluso había que pensar no chinés e no xaponés. Que coñezan a Rosalía, a Otero, a Casares, a Ferrín, a Blanco Amor. Se podemos chegar a iso sería para min un dos obxectivos realmente importantes.


0/5 (0 votos)