Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
LINGUAS NA UNIÓN EUROPEA

O goberno español propón o recoñecemento oficial do galego na UE

O goberno español solicitou no marco das negociacións da Conferencia Intergobernamental responsábel da elaboración da Constitución Europea, o recoñecemento oficial na UE de catalán, eusquera e galego. Esta solicitude equiparará o galego ao irlandés, lingua oficial pero non "de traballo". O paso fundamental: teremos dereito a dirixirnos ás institucións comunitarias en galego, a responderannos en galego. Así mesmo, as grandes disposicións lexislativas da UE serán traducidas e publicadas ao galego. O deputado do BNG, Camilo Nogueira, pediulle expresamente ao goberno español que impulse o recoñecemento do galego.

- 07:49 11/05/2004
Tags:

A delegación do goberno español presentou na Conferencia Intergobernamental un texto co título "Estatuto das linguas españolas na UE, diferentes ao castelán". A iniciativa non foi aínda discutida polos estados membros, pero o Executivo xa cofinanciou no pasado a traducción dos Tratados ao catalán e outras linguas e respondeu preguntas nestes idiomas.

A oficialidade "clásica" dunha lingua, que se rexe polo artigo 6 do regulamento número 1/58 dos Tratados, implica a tradución da lexislación comunitaria e as decisións do Tribunal de Xustiza, a pesar de que cada institución europea ten as súas propias regras de aplicación do réxime lingüístico. Só son linguas oficiais e de traballo da Unión as que o son nos seus estados.

O irlandés goza dun estado particular, ao que se semellaría o do galego se a proposta do Goberno español fose adiante: é unha lingua oficial da Unión, pero non se pode empregar nunca como lingua de traballo entre parlamentarios e funcionarios. Obriga a existencia dun corpo de funcionarios tradutores, para que os cidadáns se poidan relacionar coa UE na súa lingua, e obriga tamén a tradución dos documentos lexislativos de gran nivel, como a futura Constitución. O galego figuraría así mesmo nos pasaportes europeos, a canda os outros vintetrés.

Coa entrada de novos países, as linguas oficiais da UE pasaron a ser 20: alemán, dinamarqués, castelán, finlandés, francés, grego, inglés, italiano, nerlandés, portugués, sueco, polaco, checo, eslovaco, esloveno, estoniano, húngaro, letón, lituano e maltés.

Poden consultar a web da Oficina Europea das Linguas Minorizadas, onde no apartado do Comité Español, só aparecen o aragonés, o asturiano, o eusquera, o catalán e o occitano.


0/5 (0 votos)