Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

A xeografía política do conflicto

“A miúdo dise que a xeografía non cambia. Pero a verdade é que a xeografía cambia o ritmo das ideas e da tecnoloxía; o que quere dicir que o significado das condicións xeográficas cambia”. Este argumento simplista dun dos pais da xeopolítica é o que, da man dos grupos de presión promilitares e neoconservadores norteamericanos, ten dado folgos a un renacemento desta ciencia dende os últimos anos 90. Sylvia Gómez Saborido, analista do IGADI, explícanos polo miúdo os intereses xeoestratéxicos do conflicto.

- 10:47 18/03/2003
Tags:

Xeografía e estratexia

Este tipo de visión que fala de “imperativos xeopolíticos” considera que a xeografía é o “factor permanente” en torno ó que debe xirar todo o pensamento estratéxico. Explicitando que a xeopolítica é a ciencia militar do Imperio, podemos explicarnos tamén a súa revitalización.

As intervencións militares dos Estados Unidos en Oriente Medio comezaron a acadar un alto nivel a partir de 1979. Tres circunstancias concorren nese ano: a invasión soviética de Afganistán, a caída do Sha de Persia polo Ayatola Khomeini e a revolta dos militares islamistas na Meca. Jimmy Carter, entón presidente dos EE.UU, sinalou o código xeopolítico para Oriente Medio: “calquera tentativa dun poder hostil encamiñado a obte-lo control sobre o Golfo Pérsico será considerado un ataque contra os intereses vitais dos EE.UU e, polo tanto, repelido por tódolos medios precisos, incluída a acción militar”. A teoría viuse apoiada pola constitución da Forza de Despregamento Rápido –FDR- para servir ó Pentágono nas operacións militares en Oriente Medio, que, xa con Reagan, converteuse no Comando Central dos EE.UU –Uscentcom-, un dos cinco comandos militares rexionais que conforman a súa proxección militar global. Reagan tamén fixo a súa achega teórica á doutrina sobre Oriente Medio: “Estados Unidos non permitirá que o réxime saudita sexa derrocado por disidentes internos coma ocorreu en Irán”, dicía en 1983.

A invasión iraquí de Kuwait en 1990, que coincidiu en gran medida co cambio na correlación das forzas mundiais, permitiulle ós EE.UU abranguer os países do Consello de Cooperación do Golfo (CCG: Bahrain, Kuwait, Omán, Emiratos árabes, Arabia Saudita e Qatar) no manto dun acordo de coordenación política, económica, social e militar. O principal resultado foi o incremento da presencia militar estadounidense nestes países que, baixo o argumento da defensa contra Iraq e Irán, acollen hoxe a maior forza militar estadounidense fóra das súas fronteiras. Este esquema militar ten servido como estructura permanente para as constantes operacións de vixilancia e accións bélicas contra territorio iraquí, financiadas en boa medida polos propios países do CCG.

Alternativas a Arabia Saudita

O gran dilapido en armamento e o crecente rexeitamento popular á permanencia crecente das tropas americanas propiciaron o incremento da oposición interna ás petromonarquías, especialmente en Arabia Saudita, punto de apoio máis importante para os militares norteamericanos na rexión. Por esta e outras razóns, EE.UU apunta agora a Qatar como alternativa parcial para as forzas instaladas en Arabia Saudita. Aínda que a escusa do afortalamento militar en Qatar foi a actual mobilización militar contra Iraq, o Departamento de Defensa ten recoñecido que “non están dirixidas cara a ningún país en particular, senón que son parte de todo un sistema para toda a rexión” (U.S. Air Bases Forge Double-Edged Sword, William M. Arkin).

Xeopolítica do caos

A Administración Bush parece determinada a face-la guerra con Iraq e eliminar a Saddam dende a súa toma de posesión (así o di a conselleira de Seguridade na súa primeira entrevista ós medios). Non polas armas de Saddam, senón polas propias, EE.UU pretende abri-la vía a unha ampla remodelación do conxunto de Oriente Medio que conxugaría á vez o control dos subministros e o prezo do petróleo –baixo- como instrumento para consolida-la súa hexemonía política, económica e militar.

Previo esnaquizamento do ordenamento legal internacional, as teorías dos vellos tempos están sendo actualizadas polo vicepresidente Cheney e o secretario de Defensa Rumsfeld, asesorados no xeopolítico-militar por un grupo que adquire: Wolfowizt, Faiht e Perl. Segundo o diario israelí Yediot Aharanot, Perl tería solicitado ó Instituto Rand –tradicional asesor das administracións estadounidenses- un estudio sobre a estratexia estadounidense para Oriente Medio “cara a unha intervención en Iraq”. O estudio concluía que “(...) a intervención militar contra Iraq é un obxectivo táctico; Arabia Saudita, un obxectivo estratéxico, e Exipto, a gran presa (...)”.

A intervención contra Iraq non só anuncia un cambio de réxime político en Bagdad, senón un cambio na funcionalidade estratéxica rexional deste país, detonando novas remodelacións fronteirizas e cambios de roles no papel doutros estados, moi particularmente, apunta o informe, Arabia Saudita. O informe trata de pór en evidencia que a ameaza que afronta a cultura dos Estados Unidos –o terrorismo internacional- xorde e se asenta nos sistemas educativos, sociais e políticos actuais de “países coma Exipto, Arabia Saudita e Iraq”. Cómpre lembrar que, a diferencia do que ocorre no resto do globo, a presencia estadounidense no mundo árabe foi, ata o de agora, material e non cultural. En Iraq, pensa o escritor Tariq Ali, EE.UU quere amosar “unha combinación de ambos para, dende alí, gañar ó resto”. A cubri-la “carencia de afecto” cara ó americano, motivada principalmente por unha razón de vencellamento sociocultural contra a inxustiza -o repugnante apoio de EE.UU ás políticas criminais de Israel-, viría destinada a Iniciativa de Partenariado entre os EE.UU e Oriente Medio, presentada por Colin Powell en Qatar para tódolos aliados do CCG namentres prepara co seu apoio, preferentemente, a invasión militar en Iraq. O programa, dotado con 29 millóns de dólares, buscaría unha maior influencia cultural a través de tres eixes fundamentais: ensino, fortalecemento da sociedade civil (“democratización”) e reformas económicas (apertura de mercados).

Segundo os asesores da Casa Branca, o sistema político imposto en Arabia Saudita resultou ser contraproducente para os interese americanos, pois a fin de asegura-lo control político interno ó neutraliza-los proxectos árabes, o réxime saudita foi o instigador dunha ideoloxía islamista extremadamente reaccionaria que, gracias ós diñeiros do petróleo, se estendeu nas últimas décadas noutros estados de maioría musulmana. Tralo 11-S, Estados Unidos teme que os días da dinastía proestadounidense dos Saud estean contados, e busca reduci-la súa dependencia deste país, establecendo formalmente o control sobre a principal fonte alternativa de petróleo, Iraq, e convertendo este país no subministrador e regulamentador dun mercado, o do petróleo, que ata o de agora rexía a través dos sauditas.

O ataque contra Iraq non é soamente unha advertencia, en forma de marcial masacre, a Irán, Siria ou Libia,- xa sinalados polo Pentágono como “seguintes”- senón á mesma Arabia Saudita. Paradoxalmente, apúntase, podería ser que a invasión de Iraq fose a que preparase o camiño á caída da monarquía saudita.

O artigo completo, na edición impresa de TEMPOS (marzo 2003, nº 70)

Máis información sobre o conflicto, nos seguintes artigos do último número de TEMPOS:

Xesús Jares: O unilateralismo norteamericano e o seguidismo de Aznar

Fernando Pérez-Barreiro: ¿A balanza do poder, un mal menor?


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: