Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

A prisión cinco dos detidos no peche de Egunkaria

Vén de decretarse prisión incondicional para cinco dos dez detidos logo do peche de ‘Egunkaria’, ademais da liberdade baixo fianza doutros catro, entre eles do director do diario, Martxelo Otamendi. Zubiria, primeiro director de Egunkaria e na actualidade director do semanario Argia, segue ingresado no hospital Gregorio Marañón de Madrid despois dun intento de suicidio. Ao tempo, coñécese a presentación dunha denuncia contra o xuíz instructor do caso, Juan del Olmo, a quen se acusa de ter incurrido en falta grave ao consensuar co Ministerio de Interior a nota informativa sobre a operación policial.

- 11:55 25/02/2003
Tags:

O rexistro do Consello Xeral do Poder Xudicial, órgano de goberno de xuíces e maxistrados, recibía este luns unha denuncia contra o xuíz Juan del Olmo asinada polos avogados Iñigo Iruin, Iñaki Esnaola e Carmen Lamarca. Segundo o escrito, o xuíz instructor do caso Egunkaria podería ter incurrido en falta grave ao consensuar con Interior a nota que daba conta da operación policial. Tal proceder podería verse considerado segundo os denunciantes como “creba do principio de separación de poderes coa conseguinte perda da independencia do Poder Xudicial”.

Xabier Alegría, José María Auzmendi, Xabier Oleaga, Juan María Torre Aldai e Ignacio Uría ingresarán na prisión madrileña de Soto del Real por orde do xuíz del Olmo. Ao tempo, Luis Goya e Fermín Lazcano, Inmaculada Gomila e Martxelo Otamendi, poderán saír en liberdade condicional con fianzas fixadas en 12 mil, 18 mil e 30 mil euros respectivamente.

Non se lle tomou declaración aínd a Peio Zubiria, debido á súa situación médica. Unha redactora da revista Argia, dirixida por Zubiria, confirmou a Vieiros o intento de suicidio do xornalista, que nestes momentos está fóra de perigo. Pello Zubiria sofre unha doenza crónica e tiña pensado deixar proximamente a dirección do semanario.

Os traballadores do xornal seguen editando, desde o peche xudicial, o xornal Egunero no que se dan noticias da situación pola que atravesa o propio diario. A familia e os compañeiros de Zubiria, que temen que o seu estado de saúde sexa moi grave, piden que se poña fin a situación de incomunicación decretada polo xuíz para todos os detidos da dirección de Egunkaria hai cinco días.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: