Non callou a estratexia de transición branda deseñada por Washington, lanzando a Vladimiro Montesinos cara ao exterior e deixando a Fujimori no interior para desandar a travesía cara á democracia. A Artillería pesada da diplomacia sudamericana tivo que renderse diante do teimoso retorno de Montesinos. Os peóns institucionais que protexían a Vladimiro e abafaban a democracia son deitados sen interrupción. O cerco político- xudicial que se estreitaba sobre o Ex-asesor, tamén tiña atrapado ao presidente, que preferiu fuxir do país.
Vanse impondo os tempos e ritmos marcados polas forzas políticas e cívicas do interior que non cesaban de pedir a renuncia do presidente.
Fujimori, decidiu, ¡por fin! dimitir, mais non foi por seguir o consello da oposición, senón por sentir a súa progresiva soidade. O valado legal que se ergue diante do ex-asesor estaba a piques de cerrarse, tamén, sobre o presidente con acusacións de: branqueo de cartos, trasfego de armas, enriquecemento ilícito, corrupción de funcionarios, narcotráfico, crimes extraxudiciais, prevaricación, corrupción administrativa...
Nesta mesma semana o tribunal constitucional, peza clave do control dos poderes do estado dirixidos dende esferas presidenciais, ven de cortar os fíos da tutelaxe coa reincorporación dos maxistrados Delia Revoredo, Manuel Aguirre Roca e Guillermo Rei Terry. Por decisión do congreso, estes tres membros do tribunal constitucional foron restituídos aos seus postos, que lles foron usurpados por opoñerse a dar cobertura legal ao terceiro mandato presidencial de Fujimori.
No campo lexislativo tampouco sopran ventos de gloria para o Chino. Os partidos da oposición seguen laboriosamente traballando na estratexia de inhabilitar ao presidente pola súa responsabilidade nas vulneracións de dereitos acontecidos durante a década de mandato baixo a acusación de incapacidade moral para dirixir o país. Volven a contar coa maioría parlamentaria que as urnas lles outorgaron e que Montesinos lles furtou con compras coma a de Kouri, recollida no vídeo do escándalo. Tamén dispoñen dende esta semana cun presidente do Congreso, Valentín Paniagua, de trasectoria demócrata e nomeado por consenso da oposición.
Conxúganse os seus anceios de liberdade e democracia co lícito obxectivo de socavar os alicerces que sostiñan o fujimorismo, para deixalo debilitado diante do inminente proceso electoral.
Non ten o mesmo encaixe na lexislación do Perú, un presidente que dimite que un presidente que é inhabilitado. Para un presidente que dimite está contemplada a súa sucesión nos vicepresidentes. Un presidente inhabilitado, deixa o cargo da Presidencia a disposición do Congreso e impide que se presente ás eleccións de marzo liderando o bloque dos nostálxicos.
Enténdese, por tanto, o empeño dos partidos da oposición en argumentar que tanto o presidente coma os vicepresidentes Francisco Tudela e Ricardo Márquez carecen de idoneidade moral e constitucional para gobernar o país. Nun comunicado conxunto asinado por once partidos da oposición, o 19 de outubro, e amparándose no artigo 115 da Constitución reclaman a Presidencia do país para o Presidente do Congreso Valentín Paniagua ao que lle demandan un gabinete de unidade nacional ata as eleccións do 8 de abril.
Nesta fase do quebradizo camiñar das transicións, case sempre imperfectas, a partida pasa a ser dominada polas fichas do interior.