Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GAÑADOR DO XXIII PREMIO XERAIS DE NOVELA

Diego Ameixeiras: "Os homes, á nosa maneira, tamén falamos de sentimentos"

O flamante gañador do Xerais recibiu a noticia de que o era o venres pola tarde mentres vía o Alemaña-Costa Rica no bar Borrazás da Coruña, coa garimba nunha man e o teléfono na outra a ver se soaba. Diego Ameixeiras (Lausanne-Suíza, 1976) reponse dunha semana de infarto culminada este sábado en San Simón cando recolleu o premio por Tres segundos de memoria, unha novela "sen a penas trama, ou de feito sen ningunha", que o autor define como o diario dun rapaz de 30 anos, escrito dende un punto de vista moi masculino, na que conta a relación co seu contorno, amigos, ex-parella e mulleres en xeral.

- 13:25 12/06/2006
Tags:

Deliberadamente masculino ou saíuche así?
É deliberado, espero. Pero é un masculinismo que ten moito de autoparódico e creo que se deixa claro dende a primeira páxina, na que cito a Álvarez Rabo coa frase "Prefiro a palabra dunha muller ao discurso dun home. Non sabedes o que me gustaría ter nacido muller e, por suposto, ser lesbiana". Penso que é unha declaración de principios que explica e en certo modo xustifica o ton e os posibles excesos posteriores. Non é unha novela politicamente correcta, pero tampouco é para nada unha novela machista.

Ese personaxe desencantado e perdido é real? Quero dicir se esa actitude ante a vida é algo que atopas ao teu redor ou se é todo inventado.
Esa visión existe, claro, e penso que é algo co que moita xente se pode sentir identificada. Creo que é bastante común a sensación, cando chegas aos 30 anos sen parella estábel, de que a experiencia en vez de facerte máis forte pode confundirte máis. Serve para facerte máis cínico ou para ter unha pose, pero non aprendes nada, máis ben o contrario. Ademais quería desbotar ese tópico de que os homes por definición non falan do que senten. Si que o facemos, pero á nosa maneira. Iso é o que vén contando o libro.

Recorda a Nick Hornby, e de feito mencionáchelo como referencia cando recolliches o premio. Como chegaches a el e por que te inspirou?
Cheguei pola película Alta Fidelidade, que me levou a ler a novela, e que me gustou moito porque explica moi ben cómo é o cerebro dun home sen parella, coa excusa da música. De feito na miña novela fágolle unha pequena homenaxe cunha lista que fai o protagonista coas dez cousas que a súa ex moza dicía que lle gustaban del. O protagonista de Alta fidelidade pasa toda a novela facendo listas absurdas, sobre todo de cancións.

Precisamente as cancións, os comics e outras referencias da cultura popular están presentes tamén na túa novela, non? Foi chocante, e tamén gracioso, ver na cerimonia do Xerais o gañador falando de Álvarez Rabo, Sr. Chinarro... referentes que posibelmente ao 95 dos presentes lle soaban a chinés.
Home si, a sensación é rara. Dentro de todo o agradecido e emocionado que por suposto eu estaba, si que resulta curioso falar de certos referentes en certos ámbitos. Pero creo que tamén é necesario. Fai falta que a xente de outras xeracións aprenda que as novas manexan a estas alturas outro tipo de referencias propias do seu tempo, que é normal que a literatura acabe recollendo. Ademais síntome orgulloso de citar a Álvarez Rabo, que á parte é galego, de Monforte. Como Lois Pereiro, o melloriño.

O xurado fala de "retrato xeracional", aínda que ti nalgunha entrevista xa dixeches que tampouco era iso. En que quedamos?
A ver, é que o de "retrato xeracional" soa forte e mesmo pretencioso. Eu prefiro definilo como unha instantánea dunha certa parte da sociedade en determinado momento. Hai xente que é felicísima aos 30 anos e que non ten por que identificarse para nada cos meus personaxes ou coas situacións que describo. Outra si.

Cres que se pode achegar público novo ou non lector habitual dos premios Xerais á túa novela?
Pode que si, porque si é certo que hai pouca xente que escriba para público desa franxa, así como lectores que piden novelas que lles falen de cousas máis próximas. Soa a tópico, pero eu escribo as novelas que me gustaría ler, intento achegar aquilo que boto de menos na literatura en galego.

E que botas de menos?
Máis humor e máis entretemento, no sentido lúdico da palabra. Boto de máis a pretenciosidade, e a crenza de que a literatura que non toca grandes temas nin chega a grandes conclusións é menos literatura. De gran parte da literatura que me prometía grandes conclusións sobre a vida eu nunca as saquei.

Levas este Xerais en plena promoción da túa segunda novela negra, O cidadán do mes. Polo que contas, parece que hai algo de Horacio Dopico neste protagonista-narrador de Tres segundos de memoria. É así?
Supoño que si. Primeiro no estilo, que é algo que un non se pode quitar de enriba tan facilmente. Pero o personaxe desta novela é máis real. Dopico é moito máis esaxerado, máis de ficción, e aínda máis cando se trata dunha novela de xénero, pero si que teñen cousas en común, como o cinismo ou o desencanto, ou a súa relación coas mulleres.

O xurado destacou a presenza do sexo na novela. É para tanto?
Que va! Pero parece que é unha constante entre a crítica o de pedirme escenas tórridas... Hai sexo, si, pero tampouco hai tanto, vamos, non máis que na vida real, e non tanto de maneira explícita senón como unha constante no pensamento do protagonista. Non sei por que chama tanto a atención cando o sexo forma parte da vida de todos, sexa en presenza como en ausencia. De todos xeitos ao meu personaxe, para ser tan perdedor, nese aspecto non lle vai tan mal. Adoita pasar neste tipo de novelas ou nas películas, mira Woody Allen con que tiazas se acaba deitando.

É o primeiro libro que escribes que non protagoniza Horacio Dopico. Valo enterrar ou seguirás co personaxe?
Pois non sei, porque para unha vez que escribo algo que non sexa de Dopico mira que ben me vai (risas). En serio, supoño que si pois xa tiña esa intención. Teño algunha idea na cabeza para unha nova novela, que se teño sorte e tempo farei o ano que vén. Pero é máis difícil, porque Dopico ten varias ataduras: a de construír unha trama máis ou menos complexa, que é como compoñer as pezas dun rompecabezas, un proceso parecido ao de artellar un guión. E por outro lado a construción da cidade na que acontece a acción, que é moi importante, tal como se ve en Baixo mínimos ou n'O cidadán do mes. En Tres segundos de memoria apetecíame descansar diso e facer un tipo de escrita que non tivese a estrutura clásica de introdución, nó e desenlace. Si ten un desenlace, pero non sei se o conxunto se pode cualificar como trama. Tampouco ten claves xeográficas explícitas.

Sen claves xeográficas, manexando referentes de alén Padornelo... gustaríache traducila?
Si, estaría ben. Ou polo menos a min resultaríame fácil, e creo que podería ser entendíbel noutro idioma. Ás veces con Horacio Dopico tamén o pensei, pero sería máis difícil pois ten moitas referencias galegas xa non só xeográficas senón políticas, sociais...

Que vas facer cos cartos do premio?
Teño que convidar a moita xente a ceas, copas e festexos variados. Aínda non o pensei, pero si me me dá tranquilidade, ou un colchón económico para poder nun momento determinado dedicarme a escribir se non teño que traballar. Tamén o meu traballo de guionista ten bastantes períodos de paro que son os que aproveito para escribir novelas, así fareino de maneira máis tranquila. Aínda así, eu sonche moi galego e até que non vexa o cheque non o vou crer de todo. O trofeo do Xerais está ben, pero molaba moito máis un cheque destes grandes como os que dan nos concursos da televisión (risas). Pon aí a parida a ver se a apunta Bragado para a próxima vez.


Ligazóns

3,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: