Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
É-VENTO, CHARLA DIDÁCTICA E CONCERTO

O Parque Eólico de Sotavento acolle este venres unha homenaxe musical ao vento

Este venres 26 de maio, o Parque Eólico Experimental de Sotavento, na provincia de Lugo, será o escenario do é-vento de música falada. Trátase dunha homenaxe ao vento con ruído branco e palabras e que ten como principais obxectivos dar a coñecer a maneira en que o vento se usa para facer música e a promoción da nova creación artística en Galiza. O é-vento consta dunha charla didáctica para pequenos e maiores para acto seguido dar paso a un concerto de trompetas, percusión e poesía onde se misturará todo isto.

- 12:50 24/05/2006
Tags:

O é-vento comeza coa idea de fusionar o feito musical co vento na súa acepción máis actual: o aproveitamento da súa enerxía para o uso ordinario co obxectivo de facer unha homenaxe musical ao vento.

Os obxectivos do é-vento encádranse en varios eidos. Desde o punto de vista didáctico, procúrase dar a coñecer o xeito en que o vento se usa para facer música, atopar as relacións tan pechadas que hai entre o vento e o arte, tomar conciencia da importancia que temos cada un de nós na conservación medioambiental e aprender formas de usar material reciclado para facer música.

A promoción da nova creación artística en Galiza é tamén un dos obxectivos desta iniciativa. O grupo pontés de poesía "Alalá" fixo unha serie de poemas relacionados co vento que terán a súa estrea no é-vento. Do mesmo xeito, Ignacio Sanz, mestre de percusión do Conservatorio das Pontes, compuxo "Musica do Vento" na que usa o son dos propios aeroxeradores do Parque de Sotavento, dous dos poemas compostos por "Alalá" e instrumentos construídos con material reciclado.

O é-vento, que comezará ás 20 horas, está aberto ó público en xeral e a entrada é de balde. Para asistir haberá que ir ata o Parque Eólico Experimental de Sotavento en Momán-Xermade, na provincia de Lugo.


0/5 (0 votos)