A plataforma que promove a campaña de recollida de sinaturas para presentar una iniciativa lexislativa popular para a protección e conservación dos ríos galegos superou as 30.000 adhesións.
O voceiro da Coordenadora galega en defensa dos ríos, Alberto Lema, sinalou que a campaña remata o 24 de xuño e calcula que a iniciativa se presentará no Parlamento galego a comezos de xullo. Confía en que un posible cambio de "cor política" na composición do Goberno autonómico facilite a consecución dos obxectivos desta plataforma, que pasan por "cambiar a política desenvolvida a nivel hidráulico e hidroeléctrico" en beneficio do medio ambiente e en contra da proliferación das minicentrais e dos encoros.
"Máis ca un choque vai ser unha negociación", indicou Alberto Lema, quen confía no apoio amosado por BNG e PSdeG a esta iniciativa. O voceiro afirmou estar especialmente satisfeito das "máis de 2.500 sinaturas" que a Plataforma en Defensa do Verdugo (Pladever) acadou no municipio de Pontecaldelas (Pontevedra) e na súa comarca.