Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)

Eleccións Galiza 2009

ir á portada do especial
Anxo Quintana

"Non somos unha delegación de Madrid: somos un Goberno dun país"

Estou de acordo en que é necesario máis cambio: e precisamos de máis tempo para facelo, subliña Anxo Quintana na súa visita a Vieiros. Entrevista e vídeo no interior.

Ramón Vilar - Roberto Noguerol / Vídeo: Isabel G. Couso / Fotos: César Galdo - 10:00 19/02/2009

Cando Anxo Quintana chega á redacción de Vieiros para enfrontarse ás gravadoras, aínda non ten comezado a campaña. Faltan poucos días e xa non se sabe que diferenza hai entre precampañas e campañas. A súa axenda multiplícase entre actos instititucionais e de organización. Porén, o candidato nacionalista móstrase relaxado e sorri a miúdo, un xesto que non disimula unha certa timidez, case adolescente, que el mesmo se encarga de recoñecer.

Vai cumprir cincuenta anos en plena campaña (o vindeiro día 25). Representa unha xeración nacionalista que por vez primeira ten experiencia de goberno na Xunta. Fala con paixón e dá por seguro que a cidadanía galega vai recoñecer o 1 de marzo o labor do Bloque nestes catro anos.

Anxo Quintana pertence ao BNG dende a súa fundación. Porén, gustaríanos saber como descobre vostede a vocación política e máis concretamente como se decanta polo nacionalismo?

É unha combinación de factores. Eduqueime no seo dunha familia que, se non de esquerdas, si era liberal e antifranquista, e iso vai modulando a opinión dun desde pequeno sobre determinadas cousas. Logo tiven a oportunidade na universidade de contactar con xente que xa estaba daquela organizada no nacionalismo e contra o franquismo.

Iso levoume pouco a pouco a un compromiso político. Eu tampouco entendo a política como unha profesión nin como unha carreira. Aborrezo esa expresión de "carreira política". Son profesional da sanidade que por circunstancias da vida fun adquirindo responsabilidades no BNG. E así cheguei agora até a vicepresidencia. Pero entendo a política como algo pasaxeiro. Non o compromiso político, que é consustancial á persoa, e que sempre terei, pero si os cargos institucionais que penso que deben ser pasaxeiros.

Algunha vez imaxinou que vinte anos despois de iniciar esa traxectoria activa no nacionalismo acabaría sendo o primeiro vicepresidente nacionalista no Goberno?
Nunca foi unha pretensión persoal nin me marcara ningún obxectivo dese tipo. Pero tampouco me fixara a meta de ser alcalde ou senador. Si imaxinaba esa arela de que o nacionalismo chegase a ter tarefas de goberno. E alégrome e síntome orgulloso de ter podido participar neste momento.

É interesante saber tamén como o vén a un desde fóra. Por exemplo, en conversa con Vieiros, o recente gañador do Premio Ramón Piñeiro, dixo que entre as cualidades de Anxo Quintana estaban as de ser "un político esponxa, moi intuitivo", e que tiña "moi clara a fórmula da supervivencia". Parécelle correcta a definición?
Entendo que ten a intencionalidade de trasladar certa vocación de asumir ideas e conceptos, de aprender. Desde ese punto de vista si me vexo retratado. Pero eu teño unha definición ben máis sinxela, e é a de ser unha persoa normal, coas inquedanzas, afeccións e xeito de relacionarse coa xente co que penso que se identificaría a maioría da xente do país.

Síntome ben nesa definición de persoa normal, non destacada se cadra máis que pola capacidade de traballo volcada a prol dun proxecto político. Na vida hai que ter principios e exercelos desde unha perspectiva tolerante. Sempre sabendo que ninguén ten a verdade absoluta e que eu teño a miña posición, pero entendo que outros teñen a súa e que algo de razón terán. E así intento conducirme.

"Os do Bloque non son túzaros nin sectarios", subliñou vostede na presentación do libro "Vontade de nación"... Percibe que socialmente hai algúns recantos onde o BNG aínda é recibido con prexuízos dese tipo?
Non, o que hai é gran intencionalidade por parte dos nosos adversarios de presentarnos así. Todo ten unha explicación: neste país o nacionalismo nin estaba nin se lle esperaba. Todo estaba deseñado para que o panorama político fora unha simple extensión de España: PP e PSOE e punto. Así funcionaba nos primeiros pasos da democracia. E chegamos nós e construímos un proxecto político a base de esforzo e traballo. Non veu colocarnos na area política ningunha entidade financeira, nin medio de comunicación, nin grupo táctico ou de presión social.

O BNG, o nacionalismo contemporáneo en Galiza, é resultado do esforzo persoal e democrático de milleiros de persoas que pensaron que Galiza, que é un país diferente, debe ter tamén un escenario político diferente e unha forza política propia.

Iso houbo que facelo con moito esforzo e ás veces mesmo a cobadazos, porque ninguén contaba con nós e moitos estaban dispostos a obstaculizar esa posibilidade. Iso obrigounos durante moito tempo a unha política de resistencia para sobrevivir. E puido contribuír a dar certa imaxe ruda do nacionalismo e do BNG. Pero hoxe estamos noutra etapa, temos responsabilidade de goberno, e por sorte hai moitos cidadáns que coñecen o BNG ben de perto. Para ben ou para mal. Pero ninguén poderá dicirnos iso de "terroristas", "comunistas", "extremistas". Poderán estar ou non de acordo con nós, pero saberán que somos unha forza política necesaria.

Ao fío, e para unha forza afeita a ese concepto de resistencia e que chega despois dese proceso a tarefas de goberno, como de difícil foi esa adaptación e ese encontro cos poderes fácticos do país?
Hai que recordar que moitos dos compañeiros que chegamos á Xunta viñamos de ter responsabilidades de goberno no local, e por tanto, faciámonos unha idea de a onde iamos. Por parte dos poderes fácticos houbo a expectación do "a ver que din e que fan". Pero eu penso que en canto nos puxemos a traballar eliminamos as suspicacias. Do mesmo xeito, a propia organización do BNG tivo que pasar un proceso de adaptación para entender que agora o labor consistía en acompañar a acción de goberno. Pero vindo de onde viñamos coa nosa tradición e todo o que estaba por facer, o cambio nestes tres anos e medio, o ascenso e progresión foi meteórico, amplo e moi rápido. Dificilmente unha forza política é capaz de impulsar un labor de transformación tan amplo e en tan pouco tempo como fixo o BNG. Por iso pensamos agora que temos unha boa expectativa e que somos unha forza política en ascenso. Porque a xente identifícanos con claridade con esa vontade de traballo polo país.

Allariz é referente habitual no discurso do BNG. O seu liderado xorde dese propio ámbito municipal. De feito, alcaldes de cores diversas téñennos comentado da facilidade de interlocución sobre ámbito municipal con vostede. Con que explica o crecente apoio ao Bloque que as cifras indican no contorno vilego e rural?
O BNG tivo un ascenso importante e unha consolidación no medio urbano que data dos anos 80 e 90. Agora temos o mesmo avance no contorno vilego e rural porque fomos capaces pouco a pouco de ir vencendo estruturas que o PP montara dende o poder e que impedían a nosa penetración social. Moitas veces se achegaron persoas no contorno do rural dicíndome que pensaban que o Bloque era outra cousa. Agora moita xente coñece o BNG por si mesmo, polo que di, estean ou non de acordo, en vivo e en directo. Antes tiñan a visión distorsionada que lles daban os nosos adversarios. Foi un gran cambio que nos permitiu avanzar nese ámbito.

Así e todo, o BNG non acostuma a ter referentes similares nos contornos urbanos onde tivo ou ten tarefas de goberno... Ten iso que ver tamén coa perda de apoios nas cidades?
Penso que en realidade estatisticamente iso non é así e que é unha idea que por repetida semella ter callado, pero non creo que sexa dese xeito. Creo que as cifras nos poñen na media do país tamén nese contexto urbano. Estamos ben nas cidades, independentemente de que nos gustaría ter máis. O avance no ámbito vilego é moi salientábel, pero haberá tempo para todo.

O BNG é unha fronte onde teñen cabida militantes con diferentes visións políticas. O mellor para Galiza é un nacionalismo unido como até o de agora ou ve desexábel a presenza de varias formacións nacionalistas no Parlamento, tal e como ocorre con naturalidade en Euskadi ou Cataluña?
Eu son dos que creo que os proxectos políticos nacen en función das necesidades sociais. E cando iso non é así, cando o pobo non pedía un proxecto e este nace "de laboratorio", esa iniciativa remata fracasando. En Galiza hoxe a realidade do país dá para unha forza política propia que desde unha perspectiva nacionalista e progresista poida trasladar unha alternativa de país para a maioría social. Iso é o BNG: o Partido Galeguista do século XXI. Temos a vontade e pretendemos ser o referente político para todas as persoas que en Galiza pensan en clave de país. Iso tamén significa un modelo de sociedade, económico e de país. Demostrámolo todos os días. Ser nacionalista en Galiza significa por exemplo que á hora de definir as prioridades dun goberno unha das claves sexa por en marcha o sistema galego do benestar. Porque o nacionalismo eu enténdoo non como unha perspectiva exclusivamente identitaria, que tamén é moi importante, pero é que ademais o nacionalismo valerá na medida en que sirva para xerar benestar.
Todo isto significa que o BNG está en condicións de trasladarlle á xente un proxecto para a maioría social de Galiza: para os que son nacionalistas e para os que non, para os que falan galego e para os que falan castelán. Dentro de vinte anos podemos estar nun escenario distinto, pero a día de hoxe esa é a realidade.

Significa iso que a idea dese centro nacionalista galeguista do que se fala a miúdo como caladoiro cobizado de votos, queda freada para os novos grupos que nacen, mentres haxa unha forza, como di vostede, en ascensión?
Eu creo que o primeiro paso en Galiza, e xa o estamos dando, é trasladar a idea e facela maioritaria: Galiza é un país diferente: temos unha cultura propia, unha lingua propia, un asentamento no territorio propio. Somos un país diferente onde o normal é que haxa un sistema de partidos diferente. Moitas veces vese a Galiza desde Madrid, e algúns galegos tamén a ven así, como unha simple extensión de España e pensan que con PP e PSOE chega. Introducir un novo modelo cunha forza política propia é moi importante: rachamos a estrutura de partidos e rachamos de feito algunhas estruturas mentais que desde Madrid tiñan preparada para nós.

Ao facer balance de lexislatura, que éxitos lle veñen primeiro á mente do Goberno no que tomou parte?
Temos dado pasos moi importantes. Termos construído o sistema galego de benestar para atender maiores, dependentes e persoas en risco de exclusión social. Fixemos unha rede pública que noutros países aínda non teñen. É unha das pegadas máis importantes do nacionalismo no Goberno. Tamén un fito educativo: a posta en marcha das galescolas. Tamén que por vez primeira alguén dese neste país co puño enriba da mesa e dixese: acabouse dunha vez por todas sermos produtores de enerxía e que todos se beneficien agás nós. Fixémolo de feito que os primeiros beneficiados fosen os cidadáns: esa foi a visión e a bondade do decreto eólico . Unha lei do comercio que chega coa novidade de ser a primeira en todo o Estado que conta co apoio dos comerciantes, en favor da estrutura comercial do país, apoiada polo sector.

Tamén foron clave os pasos dados para que o medio rural tivese outra perspectiva. Son cambios estruturais que levarán tempo, pero conseguimos aquilo que parecía imposíbel: lexislar para aproveitar áreas abandonadas, até o 70% sen usar estaba nalgunhas partes do país. O nacionalismo tivo a valentía desde o Goberno de entrar a falar sen medo sobre o asunto da propiedade. Algo que para moitos semellaba un tabú do que non se lle podía falar á xente. Nós entendemos que á xente se lle poden explicar as cousas, e deseñamos un proxecto como o Banco de Terras que pon en valor esas superficies. É un exemplo claro de como fomos ao Goberno a transformar as cousas e non simplemente a xestionar o momento.

Tamén a Lei de Vivenda, pensada na xente e non no ladrillo, con medidas como o plan sectorial. É ademais importante que por vez primeira se fixese política cultural no país tendo en conta os axentes culturais do país e tomando como base fundamental desa política cultural a nosa propia identidade, sen mostrarnos acomplexados e amosándonos orgullosos.

Quedaranlle tamén frustracións, ou asuntos no tinteiro neste período...
Creo que quedaron moitas máis cousas por facer que aquelas que se fixeron. É necesario máis cambio, estou de acordo con todos os que o demandan. Precisamos de máis tempo para facelos. Un país cunha tradición política e institucional e inercias que levan non 16 anos como se di ás veces, senón 40 ou 50. Hai que remover esas estruturas, e con algunhas xa puidemos. Agora fai falla consolidar o feito, e agardamos poder ter a posibilidade de facelo.

Ao respecto do departamento que xestionou directamente, queríamos reparar nun caso concreto: a Lei de Dependencia. Foi orixe de protestas pola presunta lentitude na aplicación, xestionouse mal esa expectativa? Que atrancos houbo e hai nese proceso?
Na atención á dependencia e a maiores houbo un avance sideral. En Galiza non había ningún centro de día público. Nós construímos 57 en tres anos e medio. Aumentamos 2 mil prazas residenciais, puxemos en marcha un servizo de transporte adaptado, a iniciativa de xantar a domicilio... En 2005 cando chegamos ao Goberno eran 30 mil persoas as que recibían atención a través dos servizos sociais. Hoxe son 60 mil, o dobre. É un avance claro. No medio aparece a lei de dependencia, un proxecto bo e que confire dereitos aos cidadáns, pero onde o goberno español deu unhas expectativas desmesuradas. O señor Zapatero trasladou por exemplo a idea de que todo o que fora dependente ía ter unha paga e cando a familia vai facer a tramitación atópase con que iso non é así. Con todo, nós estamos esmerándonos na aplicación e somos a nivel estatal os terceiros en número de valoracións, xente con plans individuais de atención. Xa hai moitos milleiros de persoas que se benefician. A responsabilidade é de quen creou outras expectativas, e non fomos nós.

O modelo do Consorcio bateu no seu momento co poder municipal e cos sindicatos. Confía na estabilidade do proxecto a longo prazo?
Co consorcio hai que tirar abaixo algúns tópicos. Sempre se ten dito que Galiza é un país conservador, cousa que non é certa. Conservadores son determinadas estruturas de poder e instancias de representación. Aquí sempre que se intenta facer algo novo alguén reacciona mal. Eu, para botar adiante esta iniciativa, inspireime na miña experiencia como alcalde. É triste que un representante institucional teña que andar por San Caetano petando nas portas como un mendigo para pedir cartos que non son para el, senón para poñer en marcha servizos fundamentais para os seus veciños. A idea foi por iso crear un organismo de colaboración estábel entre os concellos e a Xunta, de xeito que cando un Concello quere poñer en marcha un centro de día ou unha escola infantil non ten que andar especulando con ver "canta subvención me dan". Nós estabelecemos baremos iguais para todos, con financiamentos fixados de antemán, regulamentando o mantemento deses servizos e onde municipios e Xunta pactan de antemán as porcentaxes correspondentes. Esa é a colaboración institucional que merece a pena. Haberá quen rache as vestiduras, pero a realidade é que a día de hoxe máis de 270 concellos están adheridos ao consorcio e boa parte da cidadanía en só tres anos e medio xa se beneficia de servizos dese consorcio. A conservadora non era a xente, senón determinadas estruturas.

No medio da crise económica, a oposición do PP definiu de "limpeza de cunetas" os parches anticrise presentados pola Xunta. Alén de medidas conxunturais, vostede puxo na mesa algúns grandes temas: reforma das caixas, creación dun instituto galego de crédito oficial. Son os dous asuntos nos que rivais e socios políticos teñen pasado moi por riba. Veremos eses temas, e outros do estilo, no primeiro plano do debate en breve?
Nós imos levar eses temas no programa e pedirlle á xente que os apoie. Estamos en crise e eu escóitolle a todas as forzas políticas dicir que hai que cambiar o modelo económico, xa que se demostrou que este non vale e que hai que acabar o capitalismo de casino e cousas similares. Pero logo vemos que non fan nada en consecuencia para cambiar realmente o modelo. O goberno español anuncia millóns de euros para garantirlle liquidez á banca pero unha familia galega vai pedir un crédito e resulta que llo negan. Xa que logo, algo máis haberá que facer. E nós propoñemos cousas que fai un país normal, poñamos por caso Alemaña, onde á beira de garantirlle liquidez á banca creánse instrumentos públicos de intervención que permitan asegurar que eses fondos públicos van onde teñen que ir. Por iso nós queremos un ICO en Galiza, para garantirlle crédito á economía produtiva do país. Non pode pasar que sectores estratéxicos como o naval, en boa situación e con potencial sufran de falta dese crédito.

E nun momento coma este ninguén negará da bondade de reformar a lei para garantir a coordinación entre o Goberno e as caixas, para que non ande cada un polo seu lado. Centrar a política económica na promoción da economía produtiva e defensa dos nosos sectores produtivos. E para iso o Goberno precisa de instrumentos financeiros, propios e alleos. E as caixas están chamadas a cumprir un papel moi importante, onde non vale unicamente coa boa vontade, que neste caso haina, por parte das caixas e do Goberno para colaborar. O mellor é que, por lei, haxa un compromiso de ambos diante dos cidadáns.

E nun hipotético pacto de Goberno logo do 1M podemos agardar que ese asunto estea na lista de prioridades?
Iso vano decidir os cidadáns. Na medida en que nas urnas nos dean a razón a nós haberá máis posibilidades de que as nosas prioridades estean destacadas. Así é a democracia.

A que departamentos do Goberno pensa que se lle podía ter sacado maior rendemento. Algún baixo o mando dos seus socios do PSOE? E dentro das consellarías xestionadas polo BNG?
Nun Goberno sempre hai cousas mellorábeis e malo será o Goberno que caia na autocompracencia. Así e todo creo que o grao de cumprimento do noso programa conxunto acadou uns niveis ben satisfactorios. E temos acumulado neste tempo importante experiencia para emendar os erros no futuro. Foi boa a idea do compromiso partidario por áreas e se cadra nun futuro será bo repetir ese esquema pero afondando nun formato de responsabilidades compartidas en estruturas transversais. Afondar en que, máis aló da preocupación de cada quen polas súas áreas todos nos preocupemos máis polo de todos.

Nós non somos unha delegación dun goberno de Madrid. Somos un Goberno dun país, e polo tanto temos que aspirar a relacionarnos co goberno español de ti a ti, en pé de igualdade. O BNG sempre defendeu isto e, aínda que désemos pasos importantes nesa liña, creo que podemos melloralo no futuro. Se o BNG lidera o Goberno ou se consegue ter máis peso, estou seguro de que será un Goberno con moito máis peso e autonomía.

Diversos integrantes do executivo teñen insinuado acerca de problemas de "sincronización" como os que vostede apunta entre as dúas forzas do Goberno. É a redistribución competencial unha das prioridades a negociar entre socialistas e nacionalistas?
O Goberno xa ten agora departamentos con implicacións transversais, como é o caso da administración pública ou a economía. No futuro, e en beneficio da coordinación e a fluídez na acción de Goberno, sería bo que as dúas forzas explorásemos a fondo esa transversalidade.

Semella que o BNG valorou especialmente para estas listas a xestión de goberno. Agás á conselleira de Cultura, o resto de conselleiros integran esas listas. Quere iso dicir que é a única que non repetiría nunha hipotética continuidade do pacto de goberno actual?
Eu desde logo non o penso así a día de hoxe. Aínda que tampouco o contrario. O proceso de elaboración das listas do BNG é moi democrático e participativo, sendo a propia militancia a través das asembleas comarcais quen fai as propostas. Nós temos cinco consellarías, e só hai catro provincias, polo que estaba cantado que algún non ía poder estar de cabeza de lista. Houbo unha proposta da militancia e que a propia militancia avalou con máis do 85% dos votos. Non creo que se poida falar dun proceso convulso cando o resultado é ese. Que hai compañeiros que pensan que se podía ter feito doutro modo? Están no seu dereito.

Por outra parte, do Goberno non fago ningunha hipótese a día de hoxe. Agora o único que imos facer é traballar para ter o resultado máis positivo que poidamos ter e logo xa teremos. A miña ambición agora mesmo non é obter ningunha consellaría concreta, senón obter a propia presidencia do Goberno. Para iso nos presentamos.

E independentemente dos nomes. O lóxico sería manter os mesmos departamentos ou habería cambios significativos?
Evidentemente, a nós gustaríanos manter os departamentos sobre os que xa temos responsabilidade e a maiores obter algún máis. E esperamos que ese ascenso que xa se vaticina para o BNG nos permita conseguir iso.
Hai algún departamento concreto que lle gustaría especialmente que o BNG pilotase?
A Presidencia do Goberno, sen ningunha dúbida.

Xa lle temos escoitado dos argumentos en favor da necesidade do proceso eólico. Pero é innegábel que reúne críticas moi diversas e desde sectores diferentes. Hai nesta altura algún fío de autocrítica que asuma o BNG neste ámbito?
Co concurso eólico quen gañou foi Galiza. Fixemos un concurso público e transparente, no que se puido presentar todo o mundo. Iso xa é unha novidade neste país onde os megavatios se repartían para uns cantos e con pouca ligazón con Galiza. Co concurso que fixemos fortalécese o empresariado galego e os cidadáns, a través da administración pública, van ser propietarios de máis do 14% dos megavatios concedidos, co cal haberá un reparto da riqueza para todos. Ademais crearanse 8 mil postos de traballo cos proxectos industriais asociados e investiranse máis de mil millóns de euros en tempo de crise.

O movemento ecoloxista fai o seu traballo e é lóxico que poñan o seu acento na preservación medioambiental. Pero hai que recordar tamén que o ecoloxismo mundial leva moito tempo pedindo que se poña o acento no impulso das enerxías renovábeis. Porque un dos problemas máis graves que ten o planeta vén derivado da utilización de combustíbeis fósiles. E Galiza vai ser punteira en responder a esa demanda ecoloxista en favor das renovábeis. Outra cousa é que o ecoloxismo local poña o acento na preservación e o respecto de espazos naturais do noso país. É normal, e iso obriga a que as cousas se fagan como se teñen que facer.

Nos vinte anos que leva na política institucional poderiamos pensar que o concurso eólico foi se cadra o momento onde viviu maior presión?
Non, para nada. Entre outras cousas porque non hai xeito de presionar o BNG. Ninguén consideraría posíbel que unha gran empresa enerxética de ámbito mundial levantase o teléfono para presionarme a min, entre outras cousas porque non terían con que, e por iso xa non o intentaron. Poderán presionar a outros, a grupos políticos con determinadas pretensións, complicidades e débedas. Non a nós. Os nosos clientes son Galiza, os cidadáns de Galiza e as empresas de Galiza. Estiven moi tranquilo en todo o proceso porque estaba seguro de que sería un resultado técnico sen fendas e adaptado á lei, feito para que gañase Galiza. Foi tamén unha demostración de que o BNG nin se vende nin se enruga facilmente. Xa poden algúns medios de comunicación e grupos de presión dicir o que queiran, que nós non deixaramos de actuar en beneficio do país.

Mencionou vostede ao respecto deste concurso un argumento defendido tamén por Industria: a idea de que é ferramenta fronte á crise. Así e todo, chama a atención, e así o teñen insinuado algúns axentes socioeconómicos, a ausencia doutras novidades dese departamento pensadas para actuar fronte ao escenario de crise?
A percepción que eu teño é que os sectores económicos déronse conta de que a Consellaría de Industria era habitualmente un departamento que pasaba sen pena nin gloria, de reparto de subvencións e que esta consellaría pola contra conseguiu facer política industrial, e non só enerxética, senón comercial ou turística, a prol do país. Déronse pasos moi importantes a ese respecto. Creo que o sector comercial ou o naval por exemplo agora saben que teñen un aliado e non un problema en Industria. No caso do naval fíxose unha iniciativa moi importante en compañía do propia sector a prol da construción civil en Ferrolterra. Pero conseguirémolo do mesmo xeito que puxemos na axenda a necesidade dun complemento autonómico para as pensións ou a propia necesidade do Estatuto. Iso si, precisamos de máis tempo para botar adiante eses cambios transformadores.

Agora que fala do Estatuto, marcou vostede unha data para recuperar e completar a reforma do Estatuto "nos seis primeiros meses" da vindeira lexislatura? Confía en que iso sexa posíbel?
O compromiso é facelo. E espero ter o apoio cidadán suficiente para efectivizalo. É necesario un novo Estatuto que recoñeza o noso carácter nacional e que nos poña ao mesmo nivel ca Euskadi ou Cataluña. Non creo que ningún cidadán no país admita que Galiza quede por baixo. Agora admiten que por ter lingua propia debemos ter dereito a unha financiación adicional. No momento en que admitan que somos nación, entón será xa o demo. Precisamos un ámbito competencial ambicioso e blindado e un modelo de financiamento que o avale. O novo Estatuto tamén é boa oportunidade para que o galego teña o mesmo estatus que o castelán, agora que tanto se fala de bilingüismo. E sería bo que a xente cando vaia votar o día 1 de marzo teña unha idea clara do proxecto de cada formación política ao respecto. Do que estou seguro é de que canto máis apoio teña o BNG máis posibilidades haberá de que Galiza teña realmente un Estatuto de primeira.

E falando da lingua, como ve vostede o futuro a curto prazo? Déronse pasos importantes no ámbito da normalización ou é moi mellorábel o traballo?
Sen dúbida queda moito por facer. Non podemos estar satisfeitos, e eu desde logo non o estou. A responsabilidade é do conxunto do Goberno. Estamos nun momento especialmente complicado e é un tema que me preocupa. Penso que se dá unha situación que debéramos aproveitar en favor da normalización e que algúns queren aproveitar para o contrario. Creo que hai hoxe unha maioría social en Galiza que ten un sentimento positivo cara ao galego e que lle parece ben a normalización lingüística independentemente de que fale ou non galego. Por iso hai que facer unha política sedutora que se dirixa a esa maioría para gañalos para o galego. Iso coincide coa existencia de grupos de momento ultraminoritarios que pretenden o contrario: levantar barreiras entre os que falan galego e os que falan castelán. E usan mentiras como dicir que o castelán está en perigo. Non debemos permitir esas mentiras.

Rematando xa... pouca cancha pareceu darlle o presidente da Xunta... Como é a relación con Pérez Touriño?
É unha relación institucional correcta, de respecto mutuo. Somos os dous persoas introvertidas e non temos unha relación persoal profunda, pero si temos unha boa relación como presidente e vicepresidente que creo que serviu para darlle estabilidade e solidez ao Goberno. De feito, cada vez que falamos, penso que nos entendemos, e iso é bo. Eu sempre fixen esforzo para usar a miña capacidade de liderado en favor desa estabilidade.

Que proxecta vitalmente Anxo Quintana a medio prazo? Como se ve dentro de oito anos?
Oito anos é un mundo. A miña perspectiva é máis inmediata. Traballar duro nesta campaña para que esas expectativas de crecemento do BNG se vexan confirmadas, e darlle satisfacción así ao traballo de tanta xente durante tanto anos para chegarmos a este momento. Non serei dos que me eternice nos postos, porque penso que iso non é bo, malia que non me fixase aínda unha data para o final desta traxectoria. Agardamos un bo resultado e ter a oportunidade de xestionalo.


4,1/5 (41 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:


Anxo Quintana co editor de Vieiros, Lois Rodríguez, e o director, Ramón Vilar
Anxo Quintana co editor de Vieiros, Lois Rodríguez, e o director, Ramón Vilar
"Galiza non é un país conservador, conservadoras son determinadas estruturas de poder", debullou Quintana durante a entrevista
"Galiza non é un país conservador, conservadoras son determinadas estruturas de poder", debullou Quintana durante a entrevista
Quintana tivo oportunidade de conversar con Rafael Cuíña, articulista de Vieiros
Quintana tivo oportunidade de conversar con Rafael Cuíña, articulista de Vieiros
"Poderán estar ou non de acordo con nós, pero saberán que somos unha forza política necesaria", expuxo o candidato do Bloque noutro momento da entrevista
"Poderán estar ou non de acordo con nós, pero saberán que somos unha forza política necesaria", expuxo o candidato do Bloque noutro momento da entrevista
Os programas

Administración pública: inercias e urxencias dun xigante

Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.