Vieiros

Vieiros de meu (ou rexistrate)

Eleccións Galiza 2009

ir á portada do especial
Galiza2009

PPdeG: aposta todo ou nada, só serve o número 38

Á porta do 1M, os populares chegan cun optimismo do que non gozaban hai apenas uns meses.

Ramón Vilar - 12:00 04/02/2009
Tags: galiza2009

Espazos de poder
No Parlamento: 37 deputados
Nos concellos: 1.791 concelleiros
Nas deputacións: goberno en solitario nas demarcacións provinciais de Pontevedra e Ourense
No Congreso: 153 deputados (elixidos por Galiza: 11 deputados)
No Senado: 123 senadores (elixidos por Galiza: 13 senadores, un deles por designación do Parlamento)



Durante toda a campaña os militantes conservadores van soñar co número 38. Só esa cantidade de escanos pode garantirlle a Núñez Feijoo a presidencia da Xunta. Nas filas do PPdeG son conscientes de que o obxectivo é moi difícil. Porén, o centrodereita albisca unhas mínimas posibilidades que eran impensábeis hai pouco máis dun ano.

A grave crise económica e a decisión de Touriño de non celebrar o ano pasado as eleccións déronlle azos a un partido que estaba nas súas horas máis baixas. Se antes do verán a dirección do PSdeG consideraba factíbel desprazar ao PPdeG do primeiro posto, agora saben que iso xa non entra dentro dos cálculos que se fan na rúa do Pino.

O voto rural e vilego: a gran incógnita
Feijoo quixo enterrar a era Fraga e un partido historicamente dividido entre birretes e boinas. Pódese dicir que o líder conservador fixo unhas listas ao seu gusto na Coruña, Pontevedra e Lugo e pactou cun Baltar en retroceso as de Ourense. O dos Peares prometeu unha renovación interna e conseguiuno. Outra cousa é se esta foi a mellor das posíbeis.

No PPdeG hai temores, e moitos. Un dos principais é o comportamento dos municipios rurais e das vilas. Sen a antiga “maquinaria da boina”, que colleitaba resultados esmagadores nos concellos pequenos, os conservadores centran a aposta nas sete cidades e en líderes de perfil claramente urbanita: Carlos Negreira, Pedro Arias, Corina Porro, Alfonso Rueda ou Luís Carrera.

Un líder asentado pero co perigo de Madrid
Salvo caída estrepitosa en número de escanos, Núñez Feijoo ten todas as papeletas para buscar unha segunda oportunidade en 2013. Porén, o líder do PPdeG sabe que todo o que non sexa maioría absoluta vai servir de coitela contra o líder da dereita española: Mariano Rajoy, a quen sempre Feijoo estivo moi ligado.

En Galiza a visión é moi diferente. Fontes do PPdeG consultadas por Vieiros consideran que todo o que sexa superar os 34 deputados é un aval para que Feijoo poida ter a tiro de pedra a presidencia galega dentro de catro anos.

Os peores temores da dereita galega xa pasaron. A pesar de estar catro anos sen o poder en San Caetano, o partido permanece unido. E, a estas alturas, este é un mérito que poucos lle discuten a Núñez Feijoo. A pregunta é se os conservadores aguantarán outros catro anos no conxelador.


3,86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:


Os programas

Administración pública: inercias e urxencias dun xigante

Os principais grupos políticos teñen a convicción da necesidade dunha nova lei de función pública, malia que difiren na concreción. No medio, o PP pretende suprimir para os funcionarios a obrigatoriedade de coñecer o galego.