Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier P. Docampo

Carta aberta a Celso Currás, ex–conselleiro de Educación

13:09 28/02/2007

Prezado amigo: Permítome dirixirme a vostede porque desde hai xa unha presa de meses veño observando que os artigos que escribe nun xornal galego están todos en español. Dou por descontado que vostede cre de min que acepto e non discuto o dereito de cadaquén a escribir como queira, e eu tamén, así que por aí non hai problema, vostede escribe en castelán porque lle peta e contra iso non hai volta de folla. Así que non perdamos tempo no tocante á liberdade individual.

Pero ocorre que hai, por enriba desa liberdade individual, unha responsabilidade social que, que quere que lle diga, algo debía pesar en vostede á hora de escoller a lingua que emprega nos seus artigos xornalísticos, que son, unha vez publicados, públicos. Porque, imos ver, vostede foi Conselleiro de Educación da Xunta de Galicia unha chea de anos, non si? E baixo a súa responsabilidade estaba a política de normalización lingüística, desde a que nos convidaba a facermos un uso cada vez maior e máis normal da nosa lingua (a galega). E agora resulta que, cando vostede deixa de ser conselleiro, ven dicirnos que xa quedou relevado de calquera obriga ou compromiso coa lingua galega, que na altura, ao regresar (involuntariamente, iso si) á, digámolo así, vida civil, do dito xa non hai nada.

Señor Currás, non me amole, aquí algo non vai ben. Ou antes ou agora vostede engáname, estáfame, mínteme. Qué me está a dicir, que mentres foi conselleiro tragou de mala gana coa promoción do galego e agora que xa está libre de tal obriga fai o que verdadeiramente lle pide o corpo?

Eu non sei cal é na actualidade a súa situación de militante político. Non sei se segue no mesmo partido no que estaba, se se pasou a outro ou se xa non milita en ningún, pero barrunto, polo que lle leo, que non mudou de postura política, así que sería ben que, visto que os tres partidos presentes no Parlamento Galego acaban de consensuar (o palabro é ben máis feo ca o concepto) que, para o próximo curso, o ensino non universitario se faga ao 50 % en cada unha das linguas oficiais de Galicia (e nisto do ensino algo lle toca a máis de que os seus artigos traten do tema), ben podería facer as súas colaboracións repartindo a lingua de uso tamén ao 50 %. Podería facer un nunha lingua e o seguinte na outra, claro que isto só o percibiríamos os que seguimos o seu traballo xornalístico. Outra opción sería a de facer unha metade do artigo nun idioma e a outra no outro, tendo coidado de ir variando cal ía primeiro e cal despois para evitar suspicacias.

Non estaría mal, pero, se lle hei dicir a verdade, eu inclínome por que escriba unha palabra en cada idioma de forma alternativa. A lectura sería un pouco máis dificultosa, pero máis profunda debido á concentración que requiriría. Ademais, deste xeito, teríamos algúns textos contemporáneos para mostrar a existencia real do trampitán, que pasaría a ser a terceira lingua de Galicia.

Tamén pode ocorrer que non lle pareza ben ningunha das miñas propostas e vostede entenda que o que fai é o que verdadeiramente define a súa posición con relación á lingua propia de Galicia e o de antes eran obrigas da púrpura.

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: