Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Alejandro Tobar

Do Horrísono e do Irrisorio

14:50 17/02/2009

É unha mágoa que tendo podido cooperar coa manifestación paródica e ridiculista, un fato de mozos preferise antepor o rancio e inaceptábel vieiro da violencia a tan saudábeis prácticas, as do humor.

Certo que o españolismo, a españolada, dese noxento híbrido que é Galicia Bilingüe non pode traer nada bo. Certo tamén que semella insólito que a policía cualificase de sospeitosos aos pobriños que falasen galego a mañá do oito de febreiro na capital. Certo, sen dúbida, que o sentidiño e a sorna do galego abondan para rir perante unha nova desgraza do autoodio e mais perante a xenreira que chegou importada do exterior, porque seica trouxeron autobuses ―ben por eles, os españolistas, que aínda deron maquillado un chisco a miseria dos seus reclamos absurdos e claramente amorais―. Certo mesmo que ter que aturar a catro señoritos e oito irresponsábeis esbardallando contra a nosa orixe, a nosa capacidade e os nosos dereitos mínimos que a día de hoxe están lonxe de se respectar, non é senón cargar no lombo espido cunha estruga rebelde, non produce senón dor de tripas, de ósos e de sisos. Non obstante, todas estas certezas non xustifican nin un só dos botellos que ducias de salvadores da patria arrebolaron contra a policía, que respondeu daquela maneira, o cal tampouco non é de recibo. Obvio.

Coido que a meirande parte dos galegos estabamos cadaquén ao seu, fóra das enleadas políticas sen base ―uns se cadra estarían limpando o coche, outros de visita na aldea, outros falando da separación ou das dificultades de apostatar, outros facendo fillos, outros lendo, e outros, coma min, refocilando, que son ben durmiñón e non adoito andar de algueirada os domingos de mañá cedo―. Foi ao longo do día que soubemos do acontecido en Compostela namentres escoitabamos a radio, liamos os xornais ou viamos a televisión, e supoño que moitos de nós chegamos principalmente a dúas conclusións:

Primeira: manda carallo na Habana que os caducos estes teñan chegado tan lonxe cunha mentira tan gorda. Segunda: triste, triste, triste que os salvadores da patria cubran con agresividade as súas eivas humorísticas.

Malia todo, efectivamente, quédanos o humor sereno que leva séculos botando raíces na nosa cultura, a galega. Quero pensar que, coma min, moitos riron coa acaída parodia dos ridiculistas: os toureiros, as flamencas, os bispos, os gardas civís. Penso que aínda está por chegar unha restra de novos ataques e penso tamén que cómpre tomalo con humor, porque ao cabo o de  Galicia Bilingüe, esa desfeita asociativa, non é máis ca un chiste malo.

3,68/5 (31 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Alejandro Tobar Salazar, nado en Lugo en 1983, reside na actualidade en Copenhaguen, Dinamarca. En 2008, a editorial Tristram publicoulle a que é até o de agora a súa única novela: Cremalleiras. Tamén ten no seu haber diferentes premios literarios. »



Anteriores...