Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Uxío-Breogán Diéguez

Soberanismo histórico (I)

11:27 12/02/2008

“O ideal de refacer un pobo é obra de xeracións, que outorga, é certo, a ledicia creadora do traballo, mais non o trunfo brillante da política profesional”.

II Asembleia Nacional do PG, 1932

No pasado fin de ano cumpriuse o setenta e cinco aniversario dun encontro que na prática foi o fito legal primixenio da autonomía (=da procura de emancipación), do noso país: a Asembleia de Concellos de Galiza Pro-Estatuto. Un encontro este no que, entre o 17 e o 19 de decembro do 1932, máis da metade das cámaras municipais da Galiza déronse cita para ratificaren o seu voto favorábel a unha liña política alicerzada nunha estratexia autodeterminista.

Sobre esta temática hai días desenvolvéronse no Instituto Padre Sarmiento-CSIC unhas xornadas conmemorando aquel encontro. Participantes e especialistas no tema, caso de Isaac Día Pardo, Xusto Beramendi ou Bernardo Máiz déronse cita no evento. Na sesión de peche achabámonos Avelino Pousa, Baldomero Cores e o que subscrebe para falarmos de Daniel Castelao, Enrique Raxoi Leloup e Alexandre Bóveda no marco do proceso estatutista e, nomeadamente, na devandita asembleia de concellos. En coincidencia os tres afirmamos o grande esforzo que supuxo para aquela altura chegar ao nível de axitación popular que se destilaba no noso país, en relación á cuestión exposta, así como a altura política coa contaba aquela nosa sociedade, sabedora grande parte dela, e aínda que con distintos graos de consciencia,  da necesidade de contar cun texto articulado que “legalizara” a realidade nacional e pautara a relación da Galiza con España.

Arreo en favor dun Estado libre
A aquela tesitura pro-autonomista chegábase após un espiñento camiño de conscienciación galeguista desenvolvido, contra vento e maré, esencialmente polo nacionalismo organizado. Este actuaría como catalizador da reclamación para o noso país dun grao de benestar que, sobre todo, ficaba dirixido ás clases populares.

Antes de se nuclear o nacionalismo arredor do Partido Galeguista (decembro do 1931), o soberanismo viña de facer unha proposta de carta articulada para osixenar o proceso estatutista, falto do apoio decidido da maior parte das forzas políticas operantes na Galiza. Unha proposta que se estivo a modelar no marco dos últimos anos da branda, mais efectiva, Ditadura de Primo de Rivera. Era este o ‘Anteproxecto de Estatuto para Galiza’, editado polo Seminario de Estudos Galegos (SEG) e redixido cunha claridade e ponderación ideolóxica extrema.

Neste documento fica condensada a mellor teoría política galega do primeiro terzo do s.XX (con certas raigames no s.XIX; particularmente no relativo á unha fiscalidade galega teorizada inicialmente por Alfredo Brañas). Na devandita (proto)carta magna  está presente o mellor da ‘Teoría do nacionalismo galego’ de Risco, se ben con necesarias anovacións realizadas por un Carvalho Calero, Lois Tobío, Paz Andrade e Alexandre Bóveda. Este último sería  o que situaría nunha posición elevada, no marco do idearium patriótico, a máxima de que sen soberanía económica non hai soberanía política. Un Bóveda que chegou á conclusión, após múltiples cálculos, de que existía un elevado desfase económico na relación que nesa materia había entre o noso país e España, nunha diferenza superior a 8.000.000 de pesetas entre o que ingresaba en gravames o aparello estatal e o que este invertía no noso territorio. Con toda lóxica, e coa lexitimidade, para alén da histórica, derivada a partir das devanditas evidencias no plano económico, o nacionalismo da altura apostou pola meta da consecución dunha estrutura estatal para o noso país, definindo a Galiza como “... un Estado libre...” federado conxunturalmente á República española.

E que foi daquel tempo
Volvendo ás xornadas de conmemoración que dan pé a estas liñas, cando estas estaban a se pechar desde o público formuláronse dúas cuestións que son de total actualidade. Dunha banda unha moza perguntaba cal sería a opinión dos nacionalistas de noutrora respeito o actual statu quo autonómico; por outra banda, unha outra rapaza inquería pola opinión que me merecía o nacionalismo na actualidade cotexándoo co movimento na primeira metade do anos trinta do pasado século.

O certo é que, para alén de elucubracións baseadas no ‘if’, o propio é partir do que foi o nacionalismo galego nos anos referidos para solucionarmos as cuestións suscitadas. Neste senso, entendo que a resposta aos dous temas enunciados témola no primeiro ponto do anteproxecto do SEG; nomeadamente nese ponto, xa citado, no que se definía á Galiza como un “Estado libre” facendo residir na nación a soberanía.

Situados aí é obvio que non só o país non conta cun Estado, que lle dea cobertura á realidade que encerraría, é dicir, a nación, senón que aquel do que fai parte hoxendía aprofunda na súa desfeita económica, cultural, idiomática, medio-ambiental... Un Estado, o español, fundamentado nunha monarquía -intocábel, incuestionábel, in...-  parlamentar e non nunha República -galega, naturalmente, e- popular pola que Bóveda ou Castelao traballaron a eito. Logo, que pensarían aqueles compatriotas do noso statu quo neste plano?

Por outra banda, de compararmos aquel nacionalismo, emerxente e de masas xa no ano 1936, co actual podemos afirmar que pouco tería aquel que envexar a este. Para alén das conxunturais responsabilidades de goberno que poida ter na actualidade o nacionalismo, estruturalmente pouco pouso se deixa. Socialmente a hexemonia parcial de noutrora, en sectores e ámbitos chave, fica desaparecida, coa excepción do mundo do traballo onde é ponteira a vertente sindical. Desaparecida como a tradicional faciana antisistémica do movimento, transformada nunha prática e estética ben imbricada na paisaxe autonómica, onde a táctica -adulterada- é transformada en estratexia. Unha paisaxe onde mesmo os soberanistas do primeiro terzo do século XX, onde a historia do nacionalismo, as máis das veces, son/é mero fetiche que empregar como moeda de cambio á que se agarrar cando faltan argumentos, mais sen tomar o relevo do que sementaron aquelas e aqueles devanceiros -mais unha vez: “Galiza é un Estado libre...”!-.

Logo, que pensarían aqueles compatriotas do noso statu quo?

3,54/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Uxío

Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, (Madrid, 1978). Licenciado en Historia pola USC, é director da revista Murguia e membro da Xunta Reitora da Fundación Alexandre Bóveda. É especialista na historia do nacionalismo galego na II República. Ten publicado diversos artigos e libros sobre esta temática »



Anteriores...