Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Adela Figueroa

A Xustiza Ambiental burlada en Copenhage

18:35 21/12/2009

Logo do parto dos montes do clima, velaí os ridículos resultados. Nada de acordos vencellantes, nen cifras de rebaixa das emisións, nen métodos de control, nen datas concretas, nen compromisos para a transferenza tecnolóxica aos países emerxentes... tan só algo sobre o mecanismo de financiamento e os cartos quese comprometerán a longo prazo. Despois de dúas semanas, 128 países participantes, e a expectación de millóns de persoas, os acadados non son nen de lonxe os agardados, nen moito menos os que o planeta precisa para trabar a ameaza da mudanza climática. Outra volta, os líderes mundiais non estiveron á altura do repto, e ADEGA pregúntase: seguiremos a deixar nas mans dos responsábeis do problema o compromiso de solucionalo?

Marcouse o obxectivo de non superar unha subida de temperatura de 2º C para o conjunto da Terra, mais como? Se o acordo non é vencellante como se pensa que se vai conseguir?. Segundo os datos que temos sería preciso abaixar as emisións de gases de efeito invernadoiro non menos dun 40% para que o proceso de aquecemento en que se encontra a Terra for controlado. Xa na reunión do G8, chegárase á conclusión da necesidade dunha redución de até un 50% para 2050 para os paises menos desenvolvidos e do 80% nos máis desenvolvidos tendo como referenza 1990. A Unión Europea figura no grupo dos paises que se apontara voluntariamente a esa redución. Todo fica en mans das voluntariedades. Que poderemos agardas destas?

Na época de Aznar non se fixera caso nigún ao acordo de Quioto, que era obrigatorio, superando España en muito a taxa de emisións que tiña asignada. Os últimos datos do estado apontan a que en 2008, as emisións superaron nun 40% ás de 1990, ano de referenza do Protocolo de Quioto, que fixaba un aumento máximo do 15%. E en Galiza, aconteceu outro tanto. Dada a pouca povoación que temos e a perda constante desta, as emisións galegas superan longamente as que serían permitidas pola ética e a solidariedade. Sufrimos o que se pode chamar un forte déficit ambiental porque superamos a pegada ecolóxica da media de España e da media de Europa.

Tomo a parlabra a Arnold Schwarzenegger "governator", governador de California (que de ser un pais independente estaría entra as 10 primeiras economías do mundo) que saíu en defensa das pequenas nacións. No pasado 15 de decembro fixo un chamado para un acordo global sobre o clima que involucrara a todos os estados autónomos e as comunidades nacionais, como poderia ser Galiza. Segundo el, “os governos do mundo sós non van poder construir as estratexias necesarias para trabar o problema da mudanza cilmática. Será necesario a implicación non só dos estados, mais das cidades, provincias e rexións." Xulgo interesante a súa postura, porque, como governador dun estado autónomo foi a Copenhagen para pór en destaque os esforzos necesarios dos governos locais. E comprométeuse a que California reducirá as emisions ao nível de 1990 para o 2020 o que significa un recorte destas que frisa o 30%.

Despois do fracaso dos governantes que non foron quen de ser líderes (como os manifestantes lles pedirammos) só fica a ación popular. Evo Morales, representando aos paises pobres, que sofren as consecuencias da polución dos mais ricos e que  ademais lles expolian os seus recursos, fai un chamado a acción. Reclama unha gran movilización para o próximo Dia da Terra no mes de abril consciente que só a presión cidadá será quen de mover aos políticos, que dependen dos votos para estaren no poder.

O problema que vamos ter aquí é de pedagoxía. Como facermos sentir a necesidade desta presión? Dende o ponto de vista mediático na Galiza e en España non houbo un grande interese popular da xuntanza de Copenhagen. Será que teremos que facer como dicía Castelao: petar e petar nas consciencias da xente atá criar un estado de opinión... Vai ser dificil porque as mudanzas non son tan visíbeis no curto tempo. Só coa connivencia dos medios de comunicación é que se poderá criar ese estado de opinión. Serán estes máis libres e independentes do que o foran durante os 15 días do cumio?

Que teriamos que facer como cidadans responsábeis? Cada un de nós podemos axudar a reducir as emisións de efeito invernadoiro controlando o  gasto enerxético, o consumode recursos e a xeración de residuos.  E pola súa banda, as administracións teñen unha grande responsabilidade en materia de transportes: as emisións neste apartado representan, na Galiza, o 40-50% das emisions difusas. Apostar polo camiño de ferro e de proximidade sería unha medida contundente. Pola contra, constrúense máis autoestradas (Plano MOVE) que desfan irreversíbelmente o territorio e fomentan o uso do automóbel privado incrementando as emisións de gases. Teriamos que ir tamén a un Plano de Residuos descentralizado que fomentase a compostaxe dos RSUs.

Teriamos tamén que coidar dos nosos ríos que en muitos casos mostran un lamentábel estado e a eutrofización das augas incrementa as emisions de metano, un gas 38 veces mais potente no seu efeito invernadoiro que o CO2. Teriase que impedir que os planexamentos urbanísticos fomentaran a dispersión povoacional con urbanizacións periféricas que producen movimentos de transporte privado co conseguinte desbaldimento enerxético. Teriamos que fomentar o transporte público tanto o urbano como interurbano, con medidas drásticas e contundentes.

Teriamos, en suma, que avaliar fidedignamente a nosa pegada de carbono, para saber com certeza canto poluimos. Andalucía apresentou en Copenhagen unha metodoloxia para esta avaliación. Galiza tiña no 2007 unha pegada ecolóxica de 6,8 hectáreas por habitante mentres a media de España era de 5 Ha/hab).

O presidente Zapatero acaba de apresentar o borrador da lei de “Economía Sostenible”, onde se tratan todos estes temas. E entre outras cousas declárase que se vai promover o tren de proximidade. Mais por outra banda, anuncia un aumento das subvencións para o carbón e os coches. Ten isto algo a ver coa construción masiva de autovías que está a acontecer agora na Galiza (Plano MOVE de Feijóo) e co abandono do tren?.

A cidadania concienzada debería exixir o cumprimento dos compromisos internacionais (quer Quioto) e das leis ambientais, respeito polo patrimonio natural e cultural e, ao tempo, darmos exemplo axindo con sentidiño, na consciencia de que os recursos do Planeta son limitados, e que a Terra é un sistema de funcionamento dinámico por retroalimentación. Como dixera o xefe indio Seatle: todo o que lle fagamos a Terra a Terra nolo devolverá. E xa o está a facer, só que comeza polos mais vulnerábeis, como os de Tuvalu que ven o seu país mergullado nas augas do océano. Imos agardar a que nos pase isto a nós?

Esixamos xustiza ambiental e estaremos no camiño de garantir un futuro aos nosos descendentes. Pasada a hora dos "líderes" do mundo, é a hora da cidadanía.

3,88/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Adela Figueroa naceu en Lugo. É catedrática de Bioloxía-Xeoloxía no IES Lucus Augusti. Participou na fundación de organizacións como ADEGA ou a AS-PG e é tamén portavoz de Nunca Máis en Lugo. Ten xa unha numerosa obra científica e literaria. Na actualidade é presidenta de ADEGA. »



Anteriores...